A Xunta contribúe un ano máis á visibilización do deseño galego a través dos Premios Paraugas promovidos polo Clúster de Comunicación de Galicia
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no teatro Jofre na presentación destes galardóns que distinguen cada ano aqueles traballos ou estratexias de creatividade, deseño, edición, impresión, márketing, eventos e comunicación que sobresaen polas súa innovación, funcionalidade, boas prácticas e obtencións de bos resultados
Ferrol, 12 de novembro de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no teatro Jofre na presentación da novena edición dos Premios Paraugas nos que a Xunta colabora co Clúster de Comunicación de Galicia para darlle visibilidade ao deseño galego.
Na súa intervención, Aneiros explicou que o recoñecemento ao deseño galego é un dos eixos do Programa de Deseño para a innovación e a Sustentabilidade da Axencia Galega de Innovación (Gain) e “os Premios Paraugas son xa un referente na distinción de quen representa a mellor comunicación en todas as súas vertentes, incluíndo o deseño”, dixo.
Aneiros puxo en valor o traballo de cooperación que o Goberno galego vén desenvolvendo cos axentes do sector e entidades como o Clúster de Comunicación de Galicia e que redunda “na mellora dos instrumentos de apoio ao ecosistema do deseño galego” e fixo mención á convocatoria das axudas DeseñaPeme pensadas para que as microempresas e pemes galegas poidan mellorar o seu crecemento e a súa capacidade de innovación e sustentabilidade a través da incorporación e a xestión do deseño estratéxico.
Por último agradeceu ao Clúster de Comunicación o esforzo de organización destes galardóns “cos que non só celebramos a creatividade e a innovación, senón tamén a importancia dun sector chave que impulsa o desenvolvemento e fortalece a nosa identidade cultural e económica”, asegurou.
Os Premios Paraugas distinguen cada ano aqueles traballos ou estratexias de creatividade, deseño, edición, impresión, márketing, eventos e comunicación que sobresaen polas súa innovación, funcionalidade, boas prácticas e obtencións de bos resultados.