O conselleiro do Mar participou por videoconferencia na Conferencia Sectorial de Pesca e no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios

Galicia reclama unha avaliación do stock do xurelo e a xarda específica para as subzonas 9A e 8C e denuncia que o modelo actual prexudica á frota galega

O Goberno galego sinala que, ao igual que acontece co xurelo, o estado da poboación desta especie non debería ser analizada en zonas CIEM tan amplas, afectadas pola sobreexplotación de países do norte de Europa

Alfonso Villares subliña que para traballar desde unha posición realista é preciso poñer no punto de mira e sancionar a aqueles Estados que non colaboren no establecemento dun TAC sostible

Tamén fixo unha valoración negativa da proposta do executivo comunitario e, no ámbito da xestión, demandou maior transparencia na negociación de cotas con Reino Unido dada a importancia do caladoiro de Gran Sol para o sector pesqueiro galego

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou hoxe por videoconferencia na Conferencia Sectorial de Pesca e no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios preparatorio do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea da vindeira semana no que se manterá un intercambio de impresións sobre as proposta da Comisión de posibilidades de pesca para 2025 no Atlántico e no mar do Norte así como das posibilidades de pesca aplicables a determinadas poboación de especies no Mediterráneo e Mar Negro.  

Alí, o responsable autonómico trasladou a demanda de Galicia para unha avaliación do stock do xurelo e da xarda específica na área comprende o conxunto das zonas pesqueiras 9A e 8C e que pode non estar afectadas polos indicadores utilizados na actual avaliación. Nesta liña amosouse crítico co modelo actual que resulta prexudicial para a frota galega ao comprender zonas CIEM demasiado amplas e que están afectadas pola sobre explotación de países do norte de Europa de grandes peláxicos debido a carecer dunha ordenación pesqueira responsable das pesqueiras.

O conselleiro subliñou que, para traballar desde unha posición realista, resulta preciso corrixir o rumbo a aqueles Estados que non colaboren no establecemento de TAC estables e sostibles. Ademais, e no ámbito da xestión, demandou unha maior axilidade e transparencia na negociación de cotas con Reino Unido atendendo a importancia do caladoiro do Gran Sol para a frota da comunidade.

Proposta de TAC

O titular de Mar fixo unha valoración negativa da proposta trasladada polo Executivo comunitario que que recollen TAC para o 2025 inferiores respecto ao 2024 debido a introdución de cotas plurianuais. En concreto recolle limites para a captura de dez especies: rape, pescada, rapante, cigala, solla, linguado, xurelo, robaliza, granadeiro e ollomol. Nesta última a redución alcanza o 35% ata as 399 toneladas en augas das Azores.

Por outra banda, mantéñense as posibilidades de pesca para a pescada sur para as augas do sur do Golfo de Biscaia e augas ibéricas 8C, 9, 10 e augas da UE do CPACO en 17.445 toneladas e para o linguado do Golfo de Biscaia e zonas 8A e 8B ata as 2.510 toneladas. Pola contra a cigala do Golfo de Biscaia e Mar Cantábrico (zona 8C e unidade funcional 31) proponse un TAC de 29 toneladas, que representa un 134% máis, á espera da conclusión do asesoramento científico sobre o RMS.

Ademais, a proposta da Comisión tamén recolle incrementos para o rape e o rapante en nas augas do sur do Golfo de Biscaia e augas ibéricas 8C, 9, 10 e augas da UE do CPACO se propoñen incrementos do 17% e 23% ata as 5.432 e 4.448 toneladas respectivamente. Por último, respecto á robaliza, a proposta da Comisión sinala que, á hora de determinar conxuntamente as cotas para a pesca comercial, Francia e España se aseguren de que a suma dos desembarques comerciais, os descartes comerciais, os desembarques recreativos e os descartes recreativos non supere o valor da taxa máxima de mortaldade por pesca.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 13/11/2024