O presidente da Xunta asiste á entrega do XVIII Premio Familia Empresaria de Galicia

Rueda destaca ás empresas familiares coma piares da economía galega e embaixadores da comunidade polo mundo

Asegura que firmas como a galardoada Hierros Añón son un exemplo de que “é posible medrar sen esquecer as orixes e a esencia”

Este tipo de compañías representan o 92% do tecido produtivo galego e xeran o 85% de emprego

Salienta a aposta da Xunta por apoiar “aos que moven o país e xeran riqueza” mediante a simplificación administrativa, o asesoramento na Oficina Económica de Galicia ou ofrecendo solo industrial a custo cero durante oito anos 

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel das empresas familiares na construción dunha Galicia próspera e puxante ao ser un dos piares fundamentais da economía galega e exercer de embaixadores da comunidade polo mundo a través dos seus produtos e servizos. “Representan a marca Galicia a nivel internacional e isto é fundamental e temos que coidalo”, indicou.

Durante o acto de entrega do XVIII Premio Familia Empresaria de Galicia, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, Rueda lembrou que máis do 92 % das empresas que hai na comunidade son familiares e que xeran o 85 % do emprego.

Ademais, o presidente fixo fincapé en que este tipo de compañías se caracterizan polo compromiso e arraigo pola terra e puxo de exemplo a Hierros Añón, a galardoada deste ano. “É a mostra de que é posible medrar sen esquecer as raíces e a esencia”, indicou.

Na súa intervención, Rueda salientou a aposta que está a realizar a Xunta desde hai tempo para atraer investimentos estratéxicos á comunidade e apoiar “aos que moven o país e xeran riqueza” a través da simplificación administrativa e o asesoramento personalizado na Oficina Económica de Galicia, de ofrecer solo industrial a custo cero durante os primeiros oito anos, reforzando nun 45% -ata os 152 millóns de euros- o orzamento en 2025 para apoiar a pemes e autónomos ou utilizando a intelixencia artificial nas oficinas de emprego para casar a oferta coa demanda das empresas. 

Hierros Añón

O presidente recoñeceu o traballo e compromiso da familia Añón -galardoada co premio deste ano- para converter Hierros Añón nun referente internacional. A compañía coruñesa é na actualidade un conglomerado siderúrxico internacional formado por 20 empresas, 33 centros loxísticos e oito plantas de produción que conta con 2.500 empregados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/11/2024