A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá o CPI do Camiño Inglés, onde se desenvolve esta iniciativa
A Xunta levará aos centros de infantil e primaria a premiada curtametraxe ‘Eu vou comigo’ cunha unidade didáctica para sensibilizar sobre a violencia de xénero
Inclúe formación pensada para mellorar as relacións interpersoais, reforzar a autoestima e impulsar o bo trato e a igualdade de xénero entre os máis pequenos
Esta actividade enmárcase na programación especial elaborada polo Executivo autonómico con motivo do 25N
Oroso (A Coruña), 19 de novembro de 2024
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañou esta mañá a 45 nenas e nenos de 3º de Primaria do CPI do Camiño Inglés durante o visionado da curtametraxe de animación Eu vou comigo, de Abano Producións SL e dirixida por Chelo Loureiro, e que ten como obxectivo sensibilizar sobre a igualdade de xénero. A curta vai acompañada dunha unidade didáctica complementaria, con formación pensada para mellorar as relacións interpersoais, mellorar a autoestima e impulsar o bo trato e a igualdade de xénero entre os máis pequenos.
Antes da proxección, Fabiola García explicou que o obxectivo da Xunta de Galicia é levar este completo recurso educativo a todos os centros de Infantil e Primaria co obxectivo de reforzar a concienciación sobre a violencia de xénero en idades temperás e impulsar a autoestima e o empoderamento das nenas.
A conselleira explicou que Eu vou comigo é unha curtametraxe premiada en varios festivais e que aborda diferentes temáticas, como son a igualdade e a autoestima e que poden axudar ao alumnado, sobre todo ás nenas, a ser capaces de ter un mellor concepto de si mesmas.
Esta iniciativa trátase dun recurso con contido adaptado para nenas e nenos de 3 a 12 anos e inclúe, ademais, formación en liña para o profesorado para que poidan afondar nunha temática de actualidade. Deste xeito, despois de ver a curtametraxe, as nenas e nenos traballan na aula sobre as mensaxes da peza audiovisual e como aplicalas ao día a día. Esta produción foi galardoada xa co Mellor Curtametraxe de Animación, no Greenwich Village Film Festival (Nova York, Estados Unidos); a Mellor Curtametraxe Animada no Fano Internacional Film Festival (Fano, Italia); e Mellor Curtametraxe na Sección de Animación, no Jaraba Castle Exhibition Short Films (Zaragoza, España).
A conselleira, que estivo acompañada pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana; pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e polo alcalde de Oroso, Alexander Doval, destacou que esta é unha das máis de 300 actividades organizadas pola Xunta ata decembro con motivo do 25N, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Esta programación vertébrase en cinco bloques temáticos, cada un deles con propostas concretas: mocidade e infancia; ámbito empresarial; sector especializado en violencia de xénero; medios de comunicación e medios dixitais; e sensibilización e prevención a pé de rúa.