A Xunta lanza a cuarta edición de ‘#IgualdadeFollowers’ para sensibilizar sobre a igualdade e loitar contra a violencia de xénero nas redes sociais
A campaña conta coa participación dunha decena de influencers galegos que publicarán vídeos nas súas redes para promover a igualdade
A directora xeral de Promoción da Igualdade sinala que un dos obxectivos é promover a sensibilización entre os máis novos
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2024
A Xunta de Galicia lanza a cuarta edición da campaña #IgualdadeFollowers, que desenvolve en colaboración coa Asociación de Periodistas de Galicia, e que busca sensibilizar sobre a igualdade de xénero e loitar contra a violencia de xénero nas redes sociais. O obxectivo é chegar a un público máis novo a través das canles que máis utilizan. Trátase dunha acción financiada con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Así, unha decena de influencers galegas de distintos ámbitos colaboraron con esta campaña con vídeos de mensaxes breves explicando a importancia de sumarse á loita contra o machismo e buscando romper cos estereotipos de xénero. Deste xeito, esta acción busca trasladar ás mozas e mozos a importancia de acadar unha igualdade plena de dereitos para mulleres e homes.
Os vídeos que se van publicar tanto nas redes de Igualdade da Xunta como nas da Asociación de Periodistas e nos propios perfís dos creadores de contido. Serán pezas audiovisuais gravadas en linguaxe directa e próxima á mocidade. O obxectivo é que a mensaxe chegue a un gran número de mozas e mozos grazas á ampla comunidade de seguidores que posúen estas influencers.
Neste senso, a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, destaca que “un dos grandes retos que temos por diante é seguir sensibilizando á mocidade sobre o valor da igualdade de xénero”, unha cuestión para a que é fundamental estar nos medios nos que a mocidade se move e interactúa. Así mesmo, recalcou a importancia de contar coas persoas relevantes en redes como aliados, polo que “lle agradecemos que se sumaran a esta campaña e anímoas a que tamén o fagan no seu día a día”, sinala a directora xeral.
Creadores de contido galegos
Nesta cuarta edición da campaña #IgualdadeFollowers participan Ale Lugilde, enxeñeira e tiktoker; Antía Jácome, piragüísta olímpica; Beatriz Serén, actriz e presentadora; Cris Martínez, capitana do Depor Abanca; Deborah García, divulgadora científica; Gala González, modelo; Guillermo Carracedo, médico e campión europeo de paddle surf; Ireniusx, artista gráfica; Susana Rodríguez Gacio, médica e atleta olímpica e Tanxugueiras, grupo musical.
Aquí poden consultarse as primeiras publicacións e descargar a mensaxe da influencer Ale Lugilde:
Enlace a Instagram: https://www.instagram.com/reel/DClwBWeMSuS/?utm_source=ig_web_button_share_sheet
Enlace a Facebook: https://www.facebook.com/share/r/17vYhCNBFW/
Enlace a Twitter: https://x.com/igualdadegal/status/1859188048950616388