Martina Aneiros anima a promover as vocacions STEM na presentación da XIX First Lego League España que terá lugar o próximo ano en Ferrol
Ferrol, 22 de novembro de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe no acto de presentación do torneo XIX First Lego League España que terá lugar o próximo mes de marzo por primeira vez en Ferrol, concretamente no Campus Industrial.
Na súa intervención, Aneiros puxo en valor iniciativas coma esta que definiu como “unha auténtica celebración da creatividade, o enxeño e o espírito colaborativo que representa o mellor da nosa mocidade” e destacou o compromiso dos participantes na procura de solucións para abordar os desafíos do futuro.
A First Lego League é un programa educativo a nivel internacional que fomenta vocacións científico-tecnolóxicas entre os mozos de 4 a 16 anos a partir de experiencias prácticas e divertidas, resolvendo problemas do mundo real. Cada ano ofrece un desafío novo e emocionante a todos os equipos co obxectivo de estimular a súa creatividade a través das áreas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). Nesta ocasión, baixo o lema “Submerged Season” os participantes tratarán da dar resposta á pregunta de como empregar a tecnoloxía para explorar as capas do océano.