Remata o obradoiro de emprego dual de Cambados con varios alumnos xa empregados

O programa foi posible grazas a un investimento da Xunta de Galicia de máis de 540.000 euros

Reguera resaltou os bos datos de inserción laboral destes obradoiros

Vinte desempregados formáronse nas especialidades de Carpintería de madeira e Albanelería

Cambados (Pontevedra), 22 de novembro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na clausura do obradoiro dual de emprego de Cambados ‘Cambados Rutas de Senderismo II’.

Neste obradoiro, que tivo unha duración aproximada dun ano e que contou cun investimento da Xunta de máis de 540.000 euros, participaron 20 persoas desempregadas. O alumnado dividiuse entre as especialidades de Carpintería de madeira e Albanelería. Ambas contaron con acceso a unhas prácticas remuneradas durante toda a duración do programa.

Estas prácticas reverteron ademais a favor do propio concello, xa que se centraron na mellora e reparación de varios espazos municipais. Así, o alumnado participou no acondicionamento das antigas dependencias da Policía Local, que se converterán en oficinas administrativas do concello; traballou na rehabilitación dos centros socioculturais do Couto, Valada, Vilariño e Oubiña; e elaborou mobiliario para edificios e espazos públicos municipais.

Neste sentido, as actividades levadas a cabo no obradoiro permitiron ao alumnado desenvolver as habilidades necesarias para inserirse no mercado laboral. Tanto é así que algúns dos participantes conseguiron atopar un traballo relacionado co seu sector antes incluso de rematar a formación.

O delegado territorial aproveitou a súa intervención para lembrar que “ a mellor política social é a política de emprego” e asegurou que os Obradoiros Duais de Emprego son “unha ferramenta que leva anos demostrando a súa efectividade”.

Para rematar, Reguera lembrou os bos resultados que conseguiron a gran maioría de obradoiros que se levaron a cabo este ano e destacou “a enorme taxa de empregabilidade que se está a conseguir, tendo en conta que moitos obradoiros aínda non foron clausurados”.

Este ano tiveron lugar na provincia de Pontevedra 21 obradoiros de emprego, o que supón preto de 11,5 millóns de euros de investimento da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/11/2024