A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na VIII Xornada Empresarial Aedeza, onde entregou a Embutidos Lalinense o Premio á Traxectoria Empresarial
Lorenzana pon en valor o esforzo que están facendo as empresas galegas por adaptarse aos novos retos
Indica que o número de empresas creadas en Galicia crece por riba da media, e resalta a sólida base de empresas familiares como Embutidos Lalinense: desde 1949, representativa da excelente calidade da produción agroalimentaria galega
Lalín (Pontevedra), 23 de novembro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que as empresas galegas -grandes e pequenas, de calquera sector-, dixo, son un exemplo de calidade e bo servizo, de compromiso coa terra, e de sacrificio e esforzo para adaptarse aos novos retos e tendencias: internacionalización, innovación e sustentabilidade.
Lorenzana participou hoxe na VIII Xornada Empresarial Aedeza, onde entregou a Embutidos Lalinense o Premio á Traxectoria Empresarial que lle outorgou a asociación de empresarios. Alí, a conselleira destacou o arraigo empresarial que hai na comarca e tamén a iniciativa emprendedora.
Indicou que o número de empresas creadas en Galicia no que vai de ano crece por riba da media (un 9,8 % fronte ao 7,1 % do conxunto estatal), e sinalou que existe na Comunidade unha base moi sólida de empresas familiares como Embutidos Lalinense: desde 1949, representativa da excelente calidade da produción agroalimentaria galega, dixo. Máis do 92 por cento das empresas que hai en Galicia son familiares e xeran o 85 por cento do emprego, apuntou.
Lorenzana tamén puxo en valor as cifras de exportacións que, segundo afirmou, son a proba de que as empresas galegas están cada vez máis internacionalizadas. Ata setembro, subiron un 3,7 % (22.843,2 M€), mentres que no conxunto do Estado baixaron un 0,3 % (286.805,8 M€), polo cal Galicia segue en niveis históricos.
No actual contexto de descarbonización, dixo ademais que a innovación fai máis falta que nunca para avanzar no eido das enerxías verdes e da dixitalización. Por iso, por primeira vez, desde este ano, lembrou que o Igape vai contar cunha Área de Innovación Empresarial (60 M€) desde a que axudar ás empresas galegas a operar con tecnoloxías como a Intelixencia Artificial, clave para a competitividade.