A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, e o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea

Xunta, Concello de Ferrol e Autoridade Portuaria avanzan na implantación das novas medidas de aceleración de solo industrial coa creación dun ZAPES

Lorenzana sinala que “é imprescindible comezar a empregar as novas figuras de aceleración”

Destaca que a previsión é que no primeiro trimestre de 2025 estea formulada xa a estrutura deste novo ZAPES

Subliña o potencial deste área desde o punto de vista industrial, do desenvolvemento das enerxías mariñas e da loxística

Ferrol, 22 de novembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, e o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, para avanzar na implantación das novas medidas de aceleración de solo industrial coa creación dunha Zona de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo (ZAPES).

No encontro, no que tamén estivo presente a directora xeral Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, e a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, a conselleira explicou que a previsión é que “no primeiro trimestre do 2025 estea formulada a estrutura deste novo ZAPES, a tramitación depende de que se faga ese Consorcio polas empresas, e calculamos que un ano e medio a partir da constitución é suficiente para que estea tramitado”.

Segundo explicou a conselleira, con esta reunión “damos un paso máis tendo en conta que para o desenvolvemento industrial necesitamos máis solo empresarial”, por iso, dixo, “é imprescindible comezar a empregar as novas figuras de aceleración”, subliñou.

Esta figura está recollida na Lei de Medidas Fiscais e Administrativas que acompaña aos Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano “creada para os empresarios que teñen que empezar xa e para as comarcas coma esta onde de xeito inmediato temos que dar axilidade e facilidade de solo ás nosas empresas”, subliñou.

Permite tramitar proxectos empresariais de maneira simultánea aos plans urbanísticos para crear, así, “pequenos polígonos á medida nun tempo que pasa dos dez anos de espera actuais a só un ano e medio”, destacou a conselleira.

Lorenzana destacou que se trata dunha medida que pode resultar moi acaída para o concello de Ferrol, non só pola falta de solo dispoñible, senón, sobre todo, polo potencial de Ferrol e a súa comarca “desde o punto de vista industrial e especialmente desde o punto de vista do desenvolvemento das enerxías mariñas e do almacenamento enerxético e no ámbito loxístico”, sinalou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/11/2024