A Xunta activa a alerta laranxa por chuvias na Coruña e Pontevedra e amplía a alerta laranxa por vento á Mariña e á montaña de Ourense
Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina webdo CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros
Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2024
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes vén de activar a alerta laranxa por chuvias nas provincias da Coruña e de Pontevedra, así como de ampliar a alerta laranxa por vento á Mariña e á montaña de Ourense, e a de costeiros a todo o litoral pontevedrés.
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso por chuvias comezará a primeiras horas da tarde e afectará ao noroeste, oeste e suroeste da Coruña, así como ás Rías Baixas e Miño de Pontevedra. Prevense precipitacións acumuladas de 30 mm nunha hora e de 80 mm en 12 horas. O resto da comunidade, excepto a Mariña e a montaña de Lugo, está en alerta amarela.
Coas fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.
A maiores, a alerta laranxa por vento, que está a afectar ao oeste e suroeste da Coruña, ampliouse ás áreas da Mariña e montaña de Ourense. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso deixará rachas de ata 100 km/h. O resto das provincias da Coruña e de Lugo, así como Rías Baixas e o interior de Pontevedra están en alerta amarela por ventos de ata 80 km/h.
Nestas zonas, sinálase a importancia de seguir as medidas de protección, como retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento.
Alerta laranxa por costeiros
Continúa ademais activa a alerta laranxa por costeiros en todo o litoral coruñés e pontevedrés, coa ampliación esta mañá á zona de Miño. A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.