Medio Rural e o concello de Vimianzo avanzan no impulso á parcelaria de Cereixo e San Cristovo de Carnés

A directora xeral de Desenvolvemento Rural e da Agader, Paz Rodríguez, e a alcaldesa da localidade, Mónica Rodríguez, reuníronse para avaliar os progresos neste proceso

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2024

A Consellería do Medio Rural e o Concello de Vimianzo avanzan na súa colaboración institucional para impulsar os procesos de concentración parcelaria neste municipio coruñés. En concreto, a directora xeral de Desenvolvemento Rural e da Agader, Paz Rodríguez, e alcaldesa da localidade, Mónica Rodríguez, reuníronse para avaliar os progresos na parcelaria das parroquias de Cereixo e San Cristovo de Carnés.

Neste encontro, a directora informou á rexedora sobre o estado actual do proceso, poñendo de relevo os traballos de validación gráfico-alfanumérica e o levantamento topográfico que son necesarios e previos para proceder á inscrición rexistral dos predios de substitución. Estes avances son esenciais para a mellora do ordenamento territorial e a optimización do uso do chan nestas parroquias, beneficiando aos propietarios e á comunidade en xeral.

Pola súa banda, a alcaldesa subliñou a disposición do Concello de Vimianzo para colaborar coa Xunta de Galicia neste proxecto e noutros futuros que poidan xurdir, destacando a importancia da cooperación institucional para impulsar iniciativas que melloren a calidade de vida dos veciños e veciñas do municipio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/11/2024