Rueda destaca que a Xunta destina máis de 230 M€ no período 2024-2027 á automoción para apoiar a industria na transformación cara unha mobilidade máis sostible

Asegura que Galicia “é a primeira comunidade” en aprobar un paquete de medidas específicas para axudar a este sector fundamental para a economía de Galicia

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliña que o Consello aproba a segunda convocatoria extraordinaria “dotada con 50 M€” que se suman aos 22 M€ deste ano para cooperar coa industria no camiño cara unha mobilidade máis sustentable e a transición ao vehículo eléctrico

As axudas da nova convocatoria, que serán en réxime de concorrencia non competitiva, alcanzarán a intensidade máxima permitida pola normativa e cubrirán todas as tipoloxías de proxectos de interese para o sector 

Refórzase así a aposta por un sector clave, que suma más de 200 empresas e preto de 25.000 empregos, e que conforma unha das cadeas de valor máis completas de Europa

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe que a Administración autonómica “vai destinar máis de 230 millóns de euros ata 2027” a apoiar ao sector da automoción “nos procesos de transformación” nos que están inmersos cara “unha mobilidade máis sostible”.

Rueda salientou que, deste xeito, Galicia é “a primeira comunidade” en implementar “un paquete de medidas específicas para axudar a este sector”.

Tal e como explicou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, o Consello da Xunta deu o visto e prace a nova convocatoria do Plan extraordinario de apoio á descarbonización e transición ao vehículo eléctrico do sector da automoción de Galicia 2025-2027, un programa de axudas “dotado con 50 millóns de euros” co que o Goberno galego busca dar continuidade ao programa iniciado este ano e reforzar a  cooperación co sector no seu tránsito cara á modernización e a sustentabilidade e reafirmar o seu compromiso cunha industria clave para a economía galega. 

Deste xeito, este novo esforzo súmase aos 22 millóns de euros xa activados neste ano 2024, aos que haberá que engadir á dotación económica do Plan director da automoción xa rematado, e que está cifrada en 134,1 millóns de euros. Todo iso sumará un total de 234,1 millóns de euros que achega a Administración autonómica a un dos sectores declarados estratéxicos polo Consello da Xunta en febreiro deste ano.

A nova convocatoria do plan extraordinario, impulsada a través do Igape e o Inega, potencia o tecido industrial galego, promovendo “a descarbonización, a transición ao vehículo eléctrico e avanzar cara modelos de green factory”, indicou Lorenzana.

Este novo esquema de apoio estrutúrase arredor de tres grandes eixos. O primeiro atenderá a transición ao ecosistema de mobilidade eléctrica e conectada, co obxectivo de facilitar aos provedores locais a adaptación cara á produción de compoñentes relacionados coa nova mobilidade verde e conectada, impulsando a súa competitividade no mercado internacional.

O segundo eixo céntrase na descarbonización dos procesos produtivos e loxísticos. Neste sentido, o plan prevé investimentos destinados a transformar as operacións industriais e loxísticas, reducindo a súa pegada ambiental e incrementando a eficiencia dos procesos.

O terceiro atende a adopción de modelos de "green factory", na procura de facilitar a transformación integral das plantas industriais galegas para lograr a neutralidade climática, apostando por tecnoloxías innovadoras e sustentables.

As axudas do plan, que serán en réxime de concorrencia non competitiva, alcanzarán a intensidade máxima permitida pola normativa e cubrirán todas as tipoloxías de proxectos de interese para o sector. 

O programa estrutúrase en dúas convocatorias: unha inicial de 14 millóns de euros en 2025, centrada en innovación, eficiencia enerxética e investimentos, e outra de 36 millóns de euros, que sairá a partir do segundo trimestre do vindeiro exercicio e que completará as tipoloxías anteriores con proxectos de protección do ambiente.

Plan director da automoción

No marco do respaldo da Xunta ao sector, a Consellería de Economía e Industria impulsou a elaboración do Plan director da automoción. Un documento que busca promover a transformación tecnolóxica e dixital, mellorar a capacitación dos profesionais, e fomentar a colaboración entre empresas, centros de investigación e administracións públicas, co fin de acompañar o sector no seu proceso de transición e fortalecer a súa competitividade futura.

Logo dun un proceso participativo e colaborativo de interlocución con todo o sector, a Administración galega dispón xa do documento que será remitido de xeito inmediato a todos os axentes que participaron na súa elaboración, e solicitaranse os informes do Consello Galego de Economía e Competitividade e Consello Económico e Social, como paso previo á súa aprobación no Consello da Xunta. 

O plan desprégase arredor de dous obxectivos estratéxicos, cinco eixes e sete ámbitos de prioridades con 65 medidas que se desenvolverán no período 2025-2027 de apoio ao sector da automoción por parte das distintas consellerías da Xunta de Galicia, coa súa dotación económica prevista cifrada en 134,1 millóns de euros. 

Un sector estratéxico para Galicia

A automoción en Galicia representa un dos sectores máis dinámicos e fundamentais para a economía galega, “con máis de 200 empresas e preto de 25.000 empregos”, segundo subliñou o presidente. Desde a súa orixe, este sector foi un motor de desenvolvemento económico e tecnolóxico na comunidade, e xerou un impacto significativo no emprego e na competitividade da industria.

A nova convocatoria do Plan Extraordinario de apoio á automoción en Galicia complementa os 22 millóns xa destinados este exercicio para facilitar a transición do sector: 18 millóns en dúas liñas de apoio que suman máis de medio cento de solicitudes aprobadas para adquisición de maquinaria e equipamentos, implantación de solucións tecnolóxicas e sistemas dixitais ou obras de mellora das instalacións produtivas; e 4 millóns concedidos ao CTAG para formación, I+D e investimentos en laboratorios especiais. 

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/11/2024