A Xunta destaca a importancia de escoitar a voz das vítimas de violencia de xénero para sensibilizar á mocidade e que “abra os ollos” ante esta realidade
Fabiola García subliña que o Goberno galego considera fundamental concienciar desde idades moi temperás, xa que “cómpre previr e intervir de forma activa para poder combater este problema social”
No acto participaron tres vítimas de violencia de xénero que compartiron experiencias e dialogaron con mozas de varios institutos galegos
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2024
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor a importancia de escoitar ás vítimas de violencia de xénero e coñecer as súas testemuñas como xeito de concienciar á mocidade galega ante esta realidade. Así o destacou durante o acto central do 25N, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia sobre as Mulleres, organizado pola Xunta e que tivo como eixo central a conversa entre vítimas e mocidade.
Deste xeito, no acto creouse un espazo de diálogo único, onde mulleres sobreviventes de violencia de xénero compartiron as súas experiencias con mozas de distintos institutos galegos que decidiron participar activamente. O obxectivo desta conversa é que a mocidade poida comprender mellor a amplitude e as formas nas que a violencia se manifesta na sociedade.
Fabiola García agradeceu as súas testemuñas ás mulleres sobreviventes que decidiron colaborar coa Xunta neste evento, co fin de facer equipo, concienciar e previr, ofrecendo de forma xenerosa a súa realidade para crear maior impacto no público. Concretamente, participaron tres mulleres de entre 26 e 32 anos que foron vítimas de violencia de xénero en diferentes manifestacións: económica, sexual, psicolóxica ou dixital.
Estas mulleres puideron conversar con mozas chegadas de diferentes centros educativos que participan no Plan Proxecta: o IES Plurilingüe Fontexería de Muros, o IES Ramón Otero Pedrayo de Ourense e o IES Perdouro de Burela. No evento tamén participou unha muralista que, baixo a inspiración dos diferentes relatos escoitados, debuxou un mural en directo que recolle o compromiso das persoas participantes e do Goberno galego.
No acto, Fabiola García fixo fincapé na importancia de escoitar a voz real das vítimas e agradeceu a súa asistencia ás mulleres participantes “por contarnos experiencias duras e reais que nos axudan a abrir os ollos”. A conselleira destacou que a Xunta considera fundamental sensibilizar desde idades moi temperás ás mozas e mozos, xa que “cómpre previr e intervir de forma activa para poder combater este problema social”.
Preguntada polo futuro, Fabiola García asegurou que “o futuro ideal será aquel no que o número de vítimas de violencia de xénero sexa 0” e, para conseguilo, apostou por continuar traballando desde a Xunta “protexendo ás vítimas, dándolles todos os recursos e axudándoas en todo o posible”.
Non normalizar a violencia
Por último, a conselleira quixo lanzar unha mensaxe directa á xente nova instándoa a “non normalizar a violencia de xénero en ningunha das súas formas”. Neste sentido, apostou por “manter os ollos abertos, xa que hai pequenos detalles cotiás que poden pasar desapercibidos”, e por permanecer unidos como sociedade para poder detectar, previr e erradicar a violencia sobre as mulleres.
Neste acto conmemorativo do 25N, Fabiola García estivo acompañada do director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba; da directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, e da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.