A conselleira de Vivenda de Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, supervisou estas tarefas enmarcadas na Estratexia de estradas verdes, cun orzamento de máis de 1,5 M€

A Xunta acadará na vindeira primavera 35.000 árbores autóctonas plantadas na reforestación das marxes da autovía do Morrazo

Allegue subliñou que os traballos, que comezaron en marzo, avanzan a bo ritmo e hai 5.000 frondosas plantadas nas marxes desta autovía e tamén noutros viarios do Morrazo

Os traballos, baixo encomenda á empresa pública Seaga, están a progresar na dotación de árbores autóctonas como abeleiras, bidueiros, freixos, pradairos ou carballos

Esta plantación contribuirá á mellora do calidade do aire, á protección contra os lumes e á eficiencia na conservación nas marxes das vías de titularidade autonómica

A conselleira salientou o compromiso da Xunta cunhas infraestruturas máis sostibles a través do Plan de Sendas, adiantando que na comarca do Morrazo se acometerán novos itinerarios como o da estrada PO-313 en Broullón

Moaña (Pontevedra), 26 de novembro de 2024

A Xunta acadará na vindeira primavera 35.000 árbores autóctonas plantadas na reforestación das marxes da autovía do Morrazo.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez; a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; e a directora de Seaga, Luisa Piñeiro, supervisou esta mañá estas tarefas.

As actuacións están enmarcadas na Estratexia de estradas verdes do Goberno galego, dotada dun orzamento autonómico de máis de 1,5M€.

Allegue subliñou que os traballos, que comezaron no pasado mes de marzo, avanzan a bo ritmo e xa acadaron as 5.000 frondosas plantadas nas marxes desta autovía e tamén noutros viarios do Morrazo.

Os traballos, que se desenvolven baixo encomenda á empresa pública Seaga, dependente da Consellería do Medio Rural, están a progresar na dotación de árbores autóctonas como abeleiras, bidueiros, freixos, pradairos ou carballos.

Esta plantación contribuirá a mellorar a calidade do aire e ademais constitúe unha  protección contra os lumes, segundo explicou a conselleira.

Ademais, estas actuacións posibilitarán gañar en eficiencia na conservación nas marxes das vías de titularidade autonómica e a avanzar cara á neutralidade en carbono nas estradas.

Concretou que o remate dos traballos permitirá a absorción, ao final dun período de permanencia estimado de 35 anos, de 5.616 toneladas de CO₂.

Salientou o compromiso do Goberno galego cunhas infraestruturas máis sostibles a través do Plan de Sendas, do que se está a preparar a 2ª fase tras realizar case 300km de itinerarios peonís e ciclistas en Galicia. Adiantou que na comarca do Morrazo, se acometerán novos itinerarios como o da estrada PO-313 en Broullón.

Cómpre lembrar que esta aposta da Xunta pola mobilidade sostible vén de ser referendada hai apenas uns días en Bruxelas, co premio europeo á Excelencia na Seguridade Viaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/11/2024