A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asistiu esta tarde ao acto organizado pola firma que colabora coa Xunta
Allegue participa na inauguración da nova sede de Antea Group e conmemora os 40 anos desta firma de orixe galega que proxecta o talento da comunidade
Allegue subliña a importancia de contar con aliados técnicos e estratéxicos como Antea Grupo no compromiso coa innovación e o progreso económico da comunidade
A Coruña, 26 de febreiro de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas participou hoxe no dobre acto de inauguración da nova sede central de Antea Group, no Human Intelligence Hub da Coruña e na celebración do 40º aniversario desta compañía, unha empresa de orixe galega e referente no ámbito da planificación, as infraestruturas e o urbanismo sostible.
Durante o acto, a conselleira destacou a traxectoria da firma ao longo de catro décadas, subliñando que o éxito de Antea Group responde á súa visión estratéxica, ao rigor técnico e ao compromiso co territorio, así como á aposta constante pola innovación, o coñecemento e o talento galego.
No ámbito residencial, a titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas puxo en valor a colaboración da empresa coa Xunta en proxectos estratéxicos, como o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) de Vilagarcía de Arousa, integrado na Estratexia Galega de Solo Residencial do Goberno galego. Esta iniciativa permitirá impulsar a construción de 20.000 vivendas protexidas e outras 5.000 libres, sumándose ao compromiso do Goberno autonómico de dobrar o parque público residencial nesta lexislatura, pasando das 4.000 vivendas actuais a 8.000.
A conselleira destacou que a planificación anticipada e integral garante seguridade xurídica, integración urbana e respecto polo territorio.
No ámbito das infraestruturas viarias, resaltou tamén o apoio técnico de Antea Group na elaboración de informes de planeamento para a Axencia Galega de Infraestruturas, na xestión da seguridade viaria e na análise de aforos e datos de tráfico da rede autonómica de estradas da Xunta, actuacións fundamentais porque detrás de cada estudo, hai decisións que melloran a mobilidade, optimizan o investimento público e, sobre todo, contribúen a salvar vidas.
A conselleira referiuse ademais á colaboración Desta firma con Augas de Galicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, participando en actuacións de planificación e saneamento e, na actualidade, no apoio técnico en materia de aproveitamentos hidroeléctricos.
Finalmente, M. Allegue subliñou que Galicia precisa aliados técnicos e estratéxicos para avanzar cara a un desenvolvemento sostible e equilibrado, e recoñeceu a achega de Antea como exemplo de compromiso coa innovación, a responsabilidade e o progreso económico da Comunidade, consolidando o talento galego como un valor exportable ao mundo.