A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, anunciou hoxe en Tomiño a nova actuación para seguir avanzando nesta vía de altas prestacións

A Xunta licita a redacción do proxecto dun novo treito de 2,8 km da VAP Tui-A Guarda, entre o enlace da PO-350 e o de Ponte Carregal

Estímase un investimento de arredor de 20M€ para este novo treito, que discorrerá polo concello de Tomiño

Hoxe licítase a redacción dos proxectos de trazado e construtivo deste novo treito da AG-42 por un orzamento de máis de 260.000€

As firmas terán de prazo ata o 7 de setembro para presentar as súas ofertas

A conselleira destaca o compromiso da Xunta para seguir sumando cada ano novos quilómetros de vías de altas prestacións

A Xunta ten en execución na actualidade o treito da VAP Tui-A Guarda entre o enlace de Areas e o da PO-350, coa previsión de rematalo no vindeiro 2027

Tomiño (Pontevedra), 28 de xullo de 2026

A Xunta licita a redacción do proxecto dun novo treito de 2,8km da Vía de Altas Prestacións (VAP) Tui-A Guarda, entre o enlace da PO-350 e o de Ponte Carregal. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, anunciou hoxe en Tomiño esta nova actuación para seguir avanzando neste viario.

Allegue subliñou que o investimento estimado para este treito roldará os 20M€. Hoxe licítanse a redacción do proxecto de trazado e o construtivo do novo tramo, que arrancará desde o enlace da PO-350 (no punto onde finalizará o actual treito en obras desde o enlace de Areas) e rematará no de Ponte Carregal por un importe de 260.339€. O tramo discorrerá na súa totalidade polo concello de Tomiño.

As firmas terán de prazo ata o 7 de setembro para presentar ofertas e a conselleira subliñou que se adxudicará a redacción do proxecto o antes posible, a fin de axilizar posteriormente a licitación da execución da obra.

Respecto do actual tramo en execución da AG-42, de algo máis de 3km entre o enlace de Areas e o enlace da PO-350 polos concellos de Tui e Tomiño, cuxo investimento alcanza os 18M€, acada e a metade da execución e mantense a previsión de acabar no vindeiro ano.

A conselleira enmarcou esta nova licitación no compromiso da Xunta coas infraestruturas e en concreto para seguir sumando cada ano novos quilómetros de vías de altas prestacións.

En concreto, sinalou que son varias as grandes infraestruturas en execución, incluíndo, ademais da VAP Tui-A Guarda, a prolongación da AG-59 Santiago-A Estrada, da que xa se abriu o primeiro treito e se executa o segundo cun investimento total que acadará 67M€; a prolongación da autovía da Costa da Morte 36M€); o desdobramento dun treito da estrada Brión-Noia para convertelo en autovía (11,2M€) e proximamente comezarán as obras de Nadela -Sarria (37,7M€).

Un investimento conxunto de case 170M€ que amosa, como destacou Allegue, “ese compromiso por incrementar os quilómetros das vías de altas prestacións, sen esquecernos da conservación das estradas, cun investimento récord de 71,6M€”.

Neste senso, apuntou que na actualidade a Xunta traballa en reforzos de firme por 54M€. “Seguiremos apostando por esa seguridade viaria e por mellorar esa conectividade, esa vertebración do territorio e esa competitividade para a nosa Galicia calidade”, engadiu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/07/2026