O presidente da Xunta participou no acto polo 50 aniversario de Rodman Polyships en Moaña
Rueda reivindica a importancia do naval galego e a formación especializada no sector
Sinala que o sector naval está considerado como estratéxico polo Goberno galego e que contará cun plan director proximamente
Apunta a que a colaboración entre institucións públicas e o sector naval en materias como a formación é fundamental para superar os desafíos do sector
Moaña (Pontevedra), 27 de novembro de 2024
O presidente do Executivo galego, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, Mª Jesús Lorenzana, e polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reivindicou hoxe a importancia do naval galego para a nosa economía e a necesidade de contar con profesionais especializados como fórmula para afrontar os desafíos do sector.
Durante a súa intervención no acto de conmemoración do 50 aniversario de Rodman Polyships, Rueda sinalou que esta é unha empresa fundamental para o tecido socioeconómico galego, a máis antiga de España no seu sector, que axuda a difundir a imaxe de Galicia e dos seus traballadores “por todo o mundo”, e que non perdeu as súas “esencias familiares”.
Nesta liña, o presidente da Xunta lembrou que o sector naval en Galicia é estratéxico para a economía galega, terá cun plan director proximamente e pode contar coa axuda e a “estabilidade dun marco xurídico” na Comunidade galega. En cifras, o sector constitúe o 3,5% do PIB galego e emprega a 14.000 persoas de xeito directo, sumadas aos miles que traballan na cadea de valor e loxística que a soporta.
Ademais, Rueda salientou a crecente necesidade de contar con persoal especializado, para o cal a Xunta de Galicia traballa para impulsar o talento e a formación, adaptándoa ás demandas do mercado laboral coas microformacións e axudando a cubrir vacantes.