A Xunta proxecta novas actuacións na AC-164 ao seu paso por Bergondo para mellorar a seguridade viaria

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, explicou no Parlamento as actuacións que están en marcha na estrada autonómica neste concello coruñés

A Xunta vai abordar o proxecto para abordar melloras na seguridade viaria nun treito da estrada ao seu paso por Fiobre, identificado como de alto potencial de mellora

Está en fase de supervisión tamén un proxecto, por máis de 870.000€, para a mellora da iluminación e pequenas reparacións da ponte de Pedrido, e a información publica o proxecto de mellora da accesibilidade de 6 paradas de autobús na AC-164 neste concello

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2024

A Xunta vai abordar novas actuacións de mellora da estrada AC-164 ao seu paso polo concello de Bergondo, para garantir a seguridade viaria, segundo anunciou hoxe o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, nunha comparecencia no Parlamento.

En concreto, avanzou que se actuará nun treito da estrada ao seu paso por Fiobre, identificado como de alto potencial de mellora, concretamente entre os puntos quilométricos 3+880 e 7+240. O director da AXI indicou que se vai redactar un proxecto construtivo no que se analizarán medidas de seguridade viaria, en especial en materia de mellora nas marxes da estrada, eliminando obstáculos; na sinalización e balizado; e tamén dirixidas aos usuarios vulnerables, como os peóns.

Por outra banda, abordarase tamén a mellora da estrada á altura da ponte do Pedrido. Nela, xa se realizara con anterioridade unha rehabilitación estrutural, cun investimento de 2,3M€, que tamén incluíra a renovación do firme. Agora, está en fase de supervisión, cun investimento de máis de 870.000€, un proxecto destinado á mellora do seu sistema eléctrico e de iluminación, a fin de favorecer a súa eficiencia enerxética.

Incluíronse tamén neste proxecto pequenas actuacións de reparación para prever os desperfectos que puidesen ter xurdido dende a última rehabilitación realizada, como por exemplo algúns detectados nas beirarrúas. A este respecto, Menéndez indicou que esta mellora da iluminación contribuirá á mellora da seguridade viaria.

E, por outra banda, o proxecto de mellora da accesibilidade e conectividade de paradas de autobús situadas na rede autonómica no ámbito das rutas de acceso leste á cidade da Coruña, que saíu a información pública o pasado día 8 e ten un investimento previsto de 2,2M€, prevé a mellora da accesibilidade e conectividade dun total de 66 paradas de autobús, que se atopan nos concellos de Cabanas, Bergondo e Sada.

En concreto, en Bergondo abordarase a mellora de 22 paradas, das que 6 se atopan no trazado da AC-164. Será unha actuación relevante de mellora da seguridade viaria, que inclúe melloras do equipamento da parada, así como da accesibilidade para persoas con mobilidade reducida, melloras na información e sinalización, mellora da conexión das paradas cos itinerarios peonís existentes e de seguridade, coa eliminación de vexetación, mellora da visibilidade e da iluminación, ampliación do espazo en torno as paradas e da sinalización de limitación de velocidade e/ou de precaución por presenza de peóns.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/11/2024