A Xunta saca a licitación a xestión integral do complexo deportivo de Monterrei para a campaña de verán 2026 cun orzamento de case 1M€
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle a contratación, que se prolongará de maio a setembro e prevé a creación de máis de 70 postos de traballo
Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2026
A Xunta sacou a licitación na Plataforma de contratos públicos de Galicia a xestión integral do Complexo Deportivo de Monterrei, no concello do Pereiro de Aguiar, para a campaña de verán deste ano, cun orzamento de case un millón de euros. A duración do contrato, que como novidade inclúe tamén a xestión da cafetería, estenderase desde maio ata setembro e pode prorrogarse ata catro anos máis. O prazo para a presentación de ofertas é de 30 días naturais a partir de mañá.
As empresas aspirantes deberán acreditar, ademais de experiencia en prestacións de natureza similar nos últimos tres anos, dispoñibilidade dos medios persoais necesarios, incluíndo 30 socorristas con acreditación profesional, e persoal técnico sanitario, así como para mantemento, limpeza, portelo, cafetería e equipo de supervisión. Prevese a contratación de máis de 70 persoas.
Cómpre lembrar que na actualidade están en marcha no parque acuático deste complexo deportivo as obras da fase dúas, coa construción dun río lento, por importe de case 1,9 millóns de euros e das fases tres e catro, por importe de case 1,85 millóns de euros. Con todas elas completarase o equipamento, ampliando a instalación con novos vasos e outros elementos lúdicos e deportivos que estarán xa en uso este verán.
O orzamento global das instalacións desta área deportiva e de lecer ascenderá a preto de 13 millóns de euros, dos que nove foron sufragados pola Xunta e os 3,6 restantes se enmarcan no acordo asinado entre o Goberno galego e a Deputación de Ourense para garantir o remate do parque acuático.
Convértese así nun amplo complexo lúdico-deportivo onde se integran dúas zonas diferenciadas e complementarias. Por unha banda, unha zona deportiva con pista polideportiva, pistas de tenis, pádel, circuíto de cros e pista de pump track, executada nunha fase previa cun investimento superior ao millón de euros, e, por outra, o parque acuático, do que financiou integramente a primeira fase con 7,8 millóns de euros para a construción do edificio principal de servizos e accesos, unha zona acuática infantil, área de tobogáns e piscinas.