O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe os dous equipamentos acompañado do alcalde do concello, Amador Díaz.

Rematan as obras de mellora financiadas pola Xunta no centro de día e na escola infantil de Xinzo de Limia

No servizo de atención diúrna atalláronse os problemas de humidade coa reforma do sistema de recollida e evacuación de augas, e repuxéronse pavimentos

Na escola de 0 a 3 anos substituíronse os pavimentos que tiñan as aulas por outros de tarima flotante

Xinzo de Limia (Ourense), 28 de novembro de 2024

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, comprobou hoxe o resultado das obras realizadas no centro de día e na escola infantil de Xinzo de Limia, pertencentes á rede pública da Xunta de Galicia. O ente autonómico destinou preto de 50.000 euros ao mantemento e mellora destes dous servizos.

Perfecto Rodríguez, que estivo acompañado do alcalde, Amador Díaz, explicou que estes traballos enmárcanse no programa de melloras que o Consorcio desenvolve na súa rede de centros ao longo de todo o ano. O obxectivo destas intervencións é que os maiores e nenos usuarios destes inmobles, as súas familias e o persoal dispoñan dunhas infraestruturas de calidade, funcionais e cómodas.

As obras de mellora levadas a cabo no centro de día responderon á necesidade de atallar os problemas derivados da humidade que padecía este equipamento. Con esta finalidade, reformouse o sistema de recollida e evacuación de augas no patio traseiro do soto. Ademais, repuxéronse os pavimentos en locais da planta soto e no acceso no exterior do edificio. No interior, realizouse a renovación de falsos teitos e da pintura. O importe das obras foi de 22.500 euros e se financiou polo Consorcio a través dun convenio asinado co concello, que se encargou de contratar e executar os traballos.

Pola súa banda, na escola infantil realizáronse melloras por 23.500 euros. Estas consistiron na renovación dos pavimentos das aulas, onde se substituíron os que había por outros de tarima flotante, máis adecuados para estes espazos. Tamén se trataron os parámetros interiores mediante pinturas anti-humidade e morteiros específicos. O Consorcio financiou estas melloras con cargo ao desconto das liquidacións que o concello abona por este servizo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2024