A Xunta destaca o papel fundamental dos medios de comunicación na prevención e sensibilización fronte as violencias machistas

Os directores xerais de Loita contra a Violencia de Xénero e Promoción da Igualdade participaron no VI Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero

O foro busca debater sobre a importancia da comunicación en materia de xénero

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2024

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participaron no VI Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de xénero que este ano leva por título Comunicar sobre violencia de xénero, unha necesidade para erradicala.

Este foro está organizado pola Xunta de Galicia e a Asociación de Periodistas de Galicia co obxectivo de analizar e debater o papel dos medios de comunicación na loita contra as violencias machistas. Neste encontro participan persoas destacadas no mundo da comunicación e o xornalismo, así como influencers e creadores de contido. Ademais, tanto Roberto Barba como María Quintiana achegaron aos participantes as diferentes accións que desenvolve o Executivo galego neste eido.

Un dos propósitos do congreso consiste en determinar o papel dos medios de comunicación á hora de previr e sensibilizar fronte ás violencias machistas. Ademais, constataron a importancia destes medios á hora de romper os estereotipos de xénero e trasladar á sociedade a importancia de acadar unha igualdade real entre mulleres e homes, especialmente entre a mocidade.

Nesta liña, o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e a directora xeral de Promoción da Igualdade sinalaron a importancia de desenvolver iniciativas de prevención e sensibilización en todos os ámbitos sociais. Así, sinalaron aos medios de comunicación como un piar fundamental á hora de combater as violencias machistas polo súa capacidade de chegar a toda a cidadanía.

Nun momento no que hai un auxe da información a través das redes sociais e cunha proliferación de fake news e bulos  os participantes apostaron por unha implicación do xornalismo veraz para acadar sociedades máis democráticas, solidarias, xustas e igualitarias. Polo que é fundamental apostar por técnicas de comunicación que respecten ás vítimas, as apoien e eviten os xuízos, as críticas e a revictimización.

Medidas da Xunta en materia de xénero

Así mesmo, María Quintiana  e Roberto Barba sinalaron que a Xunta de Galicia conta con diferentes recursos para promover a igualdade de xénero e loitar contra a violencia machista. Neste senso, a directora xeral de Promoción da Igualdade lembrou o programa de corresponsabilidade que busca rachar cos roles de xénero desde as propias familias ou as axudas ás Anpas galegas para desenvolver proxectos de sensibilización na comunidade educativa.

Pola súa parte, o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, destacou que  a Xunta de Galicia está ao carón das vítimas e ofrécelle a mellor atención unha vez denunciada a súa situación, de xeito que se lle garanten todas as axudas económicas, asistenciais ou habitacionais e de acompañamento para facer fronte á situación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2024