A Xunta convocará no 2025 unha nova liña de axudas para apoiar a incorporación de agricultores e gandeiros en ecolóxico
Esta partida estará incluída na solicitude única da PAC e as persoas interesadas en solicitalas deberán inscribirse no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica antes de finais de ano
Con esta iniciativa, a Consellería do Medio Rural quere afondar no seu compromiso coa produción ecolóxica, e tenderlle a man a aqueles produtores que non puideron acollerse a estas achegas na anterior convocatoria
A titular do departamento, María José Gómez, fixo este anuncio hoxe nunha visita a unha granxa ecolóxica de Monfero
Puxo en valor o modelo produtivo en ecolóxico “pola súa contribución á sustentabilidade ambiental, económica e social do agro” e reiterou a aposta da Xunta pola agricultura e a gandaría ecolóxicas, en liña coas políticas europeas
Monfero (A Coruña), 29 de novembro de 2024
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, anunciou hoxe que a solicitude única da PAC do vindeiro ano incluirá unha nova convocatoria da liña de axudas a produtores ecolóxicos para apoiar a incorporación de agricultores e gandeiros neste ámbito. Explicou que os interesados deberán inscribirse no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia antes de finais de ano e cumprir os requisitos que se establecen para estar incluídos neste réxime de produción.
Segundo explicou María José Gómez, estas axudas teñen un carácter quinquenal e xa foran convocadas na campaña de 2023, polo que ata transcorridos os cinco anos do período de programación do Plan Estratéxico da PAC, as persoas que quixesen acollerse a esta axuda non o poderían facer ata o ano 2028.
Con esta iniciativa, a Consellería do Medio Rural quere afondar no seu compromiso coa produción ecolóxica, e tenderlle a man a aqueles produtores que non puideron acollerse a estas achegas na anterior convocatoria, co fin de que non teñan que esperar durante cinco anos á apertura doutra nova.
A conselleira fixo este anuncio na súa visita a unha explotación de produción de leite en sistema extensivo e de tipo ecolóxico situada no municipio coruñés de Monfero, que conta cun censo de arredor de 100 animais, e na que estivo acompañada polos directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño.
Neste acto, Gómez puxo en valor o modelo produtivo en ecolóxico “pola súa contribución á sustentabilidade ambiental, económica e social do noso agro”. Neste contexto reiterou, ademais, a aposta da Xunta pola agricultura e a gandaría ecolóxicas.
A conselleira sinalou que deste modo se segue reforzando o sector agrogandeiro galego e contribuíndo tamén a cumprir os obxectivos establecidos na PAC e no Pacto Verde Europeo, en cumprimento da axenda 2030, cunha aposta decidida pola sustentabilidade medioambiental para chegar ao 25% de terra en cultivo ecolóxico para o ano 2030.