A Xunta avanza na colaboración co sector téxtil para impulsar a atracción de talento e as microformacións en beneficio deste eido estratéxico

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, mantivo esta semana un encontro con representantes da Confederación de industrias téxtiles de Galicia (Cointega) co obxecto de analizar sinerxías que lle dean un pulo a este sector estratéxico. En concreto, falaron de captación de talento ou do impulso de microformacións para avanzar na cobertura das vacantes laborais existentes.

Nese senso, os representantes autonómicos referíronse ao plan de captación de talento que está a desenvolver a Xunta apostando, primeiramente, pola potenciación da forza laboral interna e, nun segundo termo, pola atracción de traballadores retornados ou de terceiros países. Así mesmo, aludiron a ferramentas como as unidades formativas en empresas ou os bonos Talento Empresa, que se reeditarán en 2025 co gallo de seguir posibilitando ao tecido produtivo ofrecer cualificación adaptada ás súas necesidades de crecemento e competitividade.

Data de actualización: 01/12/2024