Medio Rural destaca na Semana Gandeira de Mazaricos o liderado deste municipio na produción de leite en Galicia e o pulo xeral deste sector clave do agro
A conselleira María José Gómez definiu este evento como “unha cita de referencia para todo o sector non só nesta comarca, senón en Galicia en xeral”
Mazaricos (A Coruña), 1 de decembro de 2024
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez salientou este mediodía que Mazaricos é o primeiro concello galego en produción de leite. Fíxoo na súa visita á xornada de clausura da Semana Gandeira desta localidade, que acolleu dende o pasado luns diferentes actividades relacionadas co sector leiteiro.
Así, a conselleira asistiu hoxe á poxa de gando frisón Memorial José Moreira e puxo en valor a clara vocación gandeira deste municipio coruñés e de toda a bisbarra. Neste contexto, Gómez definiu a Semana Gandeira como “unha cita de referencia para todo o sector non só nesta comarca, senón en Galicia en xeral”.
O programa desta Semana incluíu ademais unha mesa redonda virtual sobre a situación actual e perspectivas de futuro do sector lácteo galego, así como visitas de escolares a explotacións e industrias leiteiras, concursos de fotografía e de debuxo e outras actividades de carácter lúdico.
Neste evento, a conselleira quixo tamén poñer de relevo o pulo do sector lácteo galego en xeral, que se pon de manifesto con feitos como a súa condición de líder nacional en produción e número de gandeiros, así como coa súa posición destacada no conxunto de Europa neste mesmo eido produtivo clave do rural.