Medio Rural publica hoxe a resolución das axudas por importe de algo máis de 1,5 M€ para a rexeneración e mellora de frondosas autóctonas en 540 hectáreas
O prazo máximo para presentar a xustificación das actuacións subvencionables é o 30 de xuño de 2025, segundo se establece no anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia
Estas achegas están enmarcadas na Estratexia para o fomento da xestión activa das frondosas (2024-2040), que nace co propósito de revitalizar e xestionar de forma sostible as masas de frondosas autóctonas en Galicia, dentro do Plan Forestal
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2024
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas para promover a rexeneración e mellora de frondosas autóctonas en 540 hectáreas de toda a comunidade. A partida está dotada cun orzamento de 1,53 millóns de euros e conta con dúas liñas de axudas.
A primeira está destinada á rexeneración ou mellora das masas consolidadas de frondosas autóctonas e nela subvencionaranse as actuacións silvícolas necesarias para a xestión e o aproveitamento destes terreos. Así, puideron aprobarse 72 solicitudes cunha consignación orzamentaria de 1,48 millóns de euros, o que permitirá actuar nun total de 522,40 hectáreas.
Das 72 solicitudes aprobadas algo máis do 90% corresponden a Comunidades de Montes veciñais en Man Común; o 6% son de agrupacións e o 4% restante de particulares. En relación coa desagregación territorial, Pontevedra e Ourense son as provincias con maior número de expedientes -29 e 27 respectivamente-, Lugo ten 14 e A Coruña dous.
A segunda liña de axudas céntrase na xestión forestal sostible para usos silvopastorais en masas consolidadas de frondosas autóctonas. O orzamento dispoñible permitiu aprobar a totalidade de solicitudes que cumprían os requisitos por algo máis de 56.730 euros; o que implicará a xestión sustentable de 17,97 hectáreas. Todas as solicitudes se concentran na provincia de Ourense, concretamente no concello da Veiga, e as persoas beneficiarias son comunidades de montes veciñais en man común.
O prazo máximo para presentar a xustificación das actuacións subvencionables é o 30 de xuño de 2025. Serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados con posterioridade á data de inspección previa e como límite na data final de xustificación.
Plan Forestal de Galicia 2021-2040
Estas achegas están enmarcadas na Estratexia para o fomento da xestión activa das frondosas (2024-2040), que nace co propósito de revitalizar e xestionar de forma sostible as masas de frondosas autóctonas en Galicia, promovendo a súa conservación, valorización e aproveitamento. Este plan estrutúrase dentro do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, que ten como obxectivo acadar unha Galicia máis resiliente fronte ao cambio climático e con montes xestionados de forma que contribúen tanto ao desenvolvemento rural como a mitigación de emisións de carbono.
As achegas están relacionadas tamén co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) de España, na compoñente 4 (C4) “conservación e restauración de ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade”, que ten como obxectivo alcanzar un bo estado de conservación dos ecosistemas mediante a súa restauración ecolóxica cando sexa necesaria, e reverter a perda de biodiversidade, garantindo un uso sostible dos recursos naturais e a preservación e mellora dos seus servizos ecosistémicos.