A conselleira de Vivenda de Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, agradeceu hoxe a elección da comunidade para este simposio durante a celebración do Congreso Nacional de Medio Ambiente en Madrid

Galicia acollerá en 2025 a duodécima edición do Congreso Internacional de Ordenación do Territorio

A cita, que promove a Asociación Interprofesional de Ordenación do Territorio (Fundicot) e que organizará coa Xunta, terá lugar en outubro baixo o título “Cultura territorial. O futuro non se improvisa”

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2024

Galicia acollerá o vindeiro ano 2025 a duodécima edición do Congreso Internacional de Ordenación do Territorio (CIOT), como destacou hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, no Congreso Nacional de Medio Ambiente en Madrid, ao que asistiu tamén a directora xeral de Urbanismo da Xunta, Encarnación Rivas.

M. Allegue agradeceu á Asociación Interprofesional de Ordenación do Territorio (Fundicot) a celebración en Galicia do congreso, que terá lugar no mes de outubro baixo o título Cultura territorial. O futuro non se improvisa e destacou a relevancia internacional deste simposio, que na súa edición máis recente se celebrou en Asturias.

“Galicia é unha terra afortunada e perfectamente consciente de que un territorio ordenado é condición imprescindible para un desenvolvemento sensato e sostible”, destacou a conselleira, quen subliñou a “enriquecedora” oportunidade que suporá o encontro, no que expertos urbanistas reflexionarán e debaterán co intercambio de experiencias neste ámbito da cultura territorial.

Subliñou que a ordenación do territorio “é algo vivo e vai parella á propia evolución da sociedade” e lembrou que o Goberno galego traballa coa vista posta no legado patrimonial para as futuras xeracións, subliñando a importancia de “proxectar e planificar” no territorio.

M. Allegue puxo o acento na necesidade de “cidades integradoras”, especialmente nun momento como o actual cun déficit de vivenda “que obriga a pensar novas fórmulas para axilizar a construción” e nas “cidades coidadoras”, con contornas saudables que permitan o desenvolvemento das persoas.

Neste senso, puxo en valor a Estratexia Galega de Solo Residencial que está a promover a Xunta, para desenvolver solo que facilite a construción de 25.000 vivendas, 20.000 delas protexidas, así como o reto desta lexislatura para duplicar o parque público residencial ata as 8.000 vivendas.

A conselleira concluíu afondando na necesaria reflexión “sobre os dereitos e os deberes, das administracións, dos axentes implicados e cidadáns” que propiciará tamén esta cita sobre a ordenación do territorio.

Data de actualización: 02/12/2024