Remata o I Programa Integral de Emprego de Ponteareas con máis do 50 % dos participantes empregados
O programa foi posible grazas a un investimento da Xunta de Galicia de 220.000 euros
Reguera destacou o gran labor do concello e das empresas implicadas
Ponteareas (Pontevedra), 3 de decembro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na clausura I Plan Integral de Emprego de Ponteareas.
Trátase dunha iniciativa que ten unha duración de 12 meses e que está financiada pola Xunta de Galicia con 220.000 euros. Este programa permite o seguimento e formación dun grupo de 100 desempregados co fin de mellorar a súa empregabilidade.
Neste sentido, cabe destacar que máis do 80 % dos participantes neste Plan Integral de Emprego (PIE) conseguiron un posto de traballo nalgún punto da duración do mesmo, sendo que máis de medio centenar conseguiron inserirse no mercado laboral ao pasar máis de tres meses de alta na seguridade social.
O delegado territorial aproveitou a súa intervención para felicitar ao concello de Ponteareas “polo gran traballo realizado” e para agradecer a “todas as empresas involucradas que apostaron por un grupo de homes e mulleres que demostraron estar á altura das expectativas”. Neste sentido, o delegado lembrou que a Xunta de Galicia investiu preto de 2 millóns de euros en iniciativas relacionadas co emprego nos últimos dous anos en Ponteareas, sumando os obradoiros duais de emprego, os de garantía xuvenil e os PIEs.
Así, para este curso 2024-25 xa está aprobado un novo Plan Integrado de Emprego en Ponteareas que acompañará a outros 100 desempregados e que se espera que consiga igualar os resultados do clausurado esta xornada.
Á última convocatoria de axudas destinadas á realización de programas integrados de emprego en entidades sen ánimo de lucro e concellos a Xunta destinou case 12 millóns de euros co que se prevé que se poñan en marcha 58 proxectos por un período de 12 meses co obxecto de beneficiar unhas 5.800 persoas.