A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático participou na xornada 'Gobernanza climática multinivel: a acción das Comunidades Autónomas e concellos'
A Xunta salienta que a futura lei do clima de Galicia impulsará un novo modelo de gobernanza e unha acción transversal ante o quecemento global
Paula Uría subliñou que esta nova normativa, que se tramitará ao longo do vindeiro ano 2025, ten como obxectivo acadar a neutralidade climática en 2040
Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2024
A Xunta salienta que a futura lei do clima de Galicia impulsará un novo modelo de gobernanza e unha acción transversal e permanente das políticas autonómicas ante o quecemento global.
Durante a súa intervención na xornada Gobernanza climática multinivel: a acción das Comunidades Autónomas e concellos, a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, subliñou que esta nova normativa, que se tramitará ao longo do vindeiro ano 2025, ten como obxectivo acadar a neutralidade climática en 2040.
Máis polo miúdo, a directora xeral explicou que entre os principais retos da futura lei se inclúen, por exemplo a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) a través da progresiva descarbonización da economía e o aumento da absorción de CO2 mediante unha xestión sostible do territorio. Así mesmo, tamén se adaptarán as redes de observación e os modelos climáticos e se incidirá na educación e concienciación social e ambiental.
A maiores, no marco deste encontro organizado no marco do Congreso Nacional de Medio Ambiente, Paula Uría fixo fincapé na necesaria cooperación entre administracións de cara a reforzar a resiliencia da Comunidade ante o cambio climático. Así, lembrou que a Xunta presentou o pasado mes de maio a Rede local polo clima, de cara a coordinar cos concellos as actuacións para aproveitar sinerxías na loita contra o quecemento global e, ao mesmo tempo, promover políticas locais de sustentabilidade ambiental, facilitando a xestión do coñecemento así como a difusión e intercambio de experiencias.
Esta iniciativa inclúe aos 285 concellos que xa están adheridos ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, dos que preto do 92% xa elaboraron o correspondente Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES), que son follas de ruta fundamentais de cara a mellorar a eficiencia enerxética, utilizar fontes de enerxía renovables, aumentar a resiliencia e reducir as emisións de CO2.
A directora xeral tamén incidiu na colaboración público-privada e, nesa liña, puxo en valor a Alianza galega polo clima. Esta iniciativa que promoveu a Xunta en 2022 conta xa con máis de 170 entidades adheridas -universidades, autoridades portuarias, clubs deportivos ou empresas-, para conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o cambio climático, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar unha Galicia neutra en emisións.