Ángeles Vázquez e o alcalde de Mondariz reúnense para abordar asuntos relacionados coa xestión de residuos
Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2024
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Mondariz, Pedro Barcia, reuníronse recentemente para abordar asuntos relacionados coa xestión de residuos e co acondicionamento de contornas fluviais.
Segundo lle trasladou o rexedor á conselleira, o concello precisaría mellorar o servizo de recollida de residuos voluminosos cun novo vehículo. Nesa liña, Ángeles Vázquez reiterou o compromiso do Goberno galego de apoio continuo aos concellos para facilitar o cumprimento das súas obrigas en relación á xestión dos residuos urbanos.
Así, avanzou que a Xunta xa está a traballar na convocatoria de novas liñas de axudas, ás que se poderá acoller o concello de Mondariz, para seguir cooperando nos concellos de cara a acadar unha xestión dos refugallos máis eficiente e sostible.
A maiores, durante o encontro tamén abordaron a necesidade de levar a cabo actuacións en varios espazos fluviais, como as pontes da Poeira e do Val, sobre o río Tea. A conselleira lembroulle ao alcalde que, dado que estes espazos se encontran dentro da Rede Natura, o concello poderá solicitar as axudas que periodicamente convoca o Goberno galego para financiar diferentes inversións dirixidas á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural localizado en espazos recoñecidos con esta figura de protección.