A Xunta destaca o labor da Oficina de Impulso de Proxectos Europeos na atracción de fondos para a minería galega

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, clausura a xornada de posta en valor dos resultados do servizo no ano 2024

Salientou o seu apoio ao sector dos recursos naturais, o asesoramento ao tecido empresarial e as medidas de fomento da sustentabilidade na minería

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2024

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, clausurou esta mañá a xornada de posta en valor dos resultados da Oficina de Impulso de Proxectos Europeos (OIPE) no ano 2024, onde destacou o seu labor de atracción de fondos á Comunidade galega para proxectos de investigación, innovación e modernización no eido do sector mineiro.

Dentro das diferentes liñas de actuación desta Oficina, Fernández Vila salientou o seu apoio ao sector dos recursos naturais, onde realizaron tarefas de promoción do patrimonio xeolóxico e mineiro, fomento do sector da lousa ou promoción e mellora da seguridade no sector cerámico. Ademais, asesorou á Administración autonómica para mobilizar as empresas e impulsar o acceso a financiamento europeo para proxectos aliñados coa Axenda de impulso da minería sostible de Galicia 2030.

A OIPE, resaltou o director xeral, proporcionou asesoramento técnico e administrativo ao tecido empresarial e ás entidades do sector mineiro na preparación de proxectos de interese para concorrer a convocatorias de fondos europeos ou do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Ademais, creou unha base de datos de proxectos que se poderían implantar en Galicia recollidos a través das manifestacións de interese.              

Por engadido, en colaboración coa Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), implantáronse medidas de fomento da sustentabilidade do sector mineiro e de promoción do patrimonio xeolóxico de Galicia. Por exemplo, a promoción da Plataforma da Minería Sostible de Galicia, así como actuacións máis específicas no ámbito do patrimonio mineiro coma o Programa MinaTUR.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/12/2024