O presidente da Xunta, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro cos responsables da factoría de Balaídos

Rueda apela á produtividade e á capacidade innovadora da planta de Stellantis en Vigo como o mellor aval nos plans de futuro do grupo

Lembra que é a factoría que máis vehículos produce do grupo en España, o 22% dos vehículos fabricados no conxunto do país en 2023

Di que é a cabeza de todo un sector en Galicia que o pasado ano conseguiu máximos históricos en cifras de negocio e exportacións

Apunta que desde o ano 2010 a Xunta leva apoiado a Stellantis Vigo cun investimento público de 93,2 M€ en axudas, fundamentalmente orientadas ao gran reto que ten por diante a industria da automoción que é a progresiva implantación da fábrica intelixente e a electrificación

Destaca que o Goberno galego vén de anunciar un investimento de máis de 230 M€ para o sector entre 2024 e 2027, no marco do Plan director da automoción

Vigo, 11 de decembro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro cos responsables da planta de Stellantis en Vigo para abordar os novos plans de innovación previstos na factoría de Balaídos.

Nunha xuntanza co director da planta, José Luis Alonso Mosquera, Rueda constatou que o mellor aval da factoría viguesa está nos seus históricos rexistros de produtividade e na capacidade innovadora que a leva feito adxudicataria dos modelos máis avanzados da marca en plena transformación cara á electrificación.

O presidente da Xunta lembrou que, a pesar das dificultades do contexto internacional, a planta viguesa é a que máis vehículos produce do grupo en España. Así, indicou que en 2023 fabricou o 22% dos vehículos producidos no conxunto do país: 531.000 unidades, un 31,5% máis que o ano anterior, dos que un 13% son automóbiles cen por cento eléctricos.

Isto, dixo Rueda, son as mellores credenciais da planta de Stellantis en Vigo, que é a cabeza de todo un sector en Galicia que o pasado ano conseguiu máximos históricos en cifras de negocio e exportacións: a facturación das empresas acadou os 13.000 M€, un 12% máis que o ano anterior; e as vendas ao exterior bateron un récord ao situarse nos 9.400 M€, un 14% máis en relación a 2022, o que supón o 31,3% do total de exportacións de Galicia. As vendas de compoñentes, de feito, creceron máis que o conxunto do sector, un 18%, 2.050 M€.

Compromiso da Xunta co sector

Rueda quixo trasladar todo o compromiso que, desde sempre, a Xunta leva amosado con esta industria estratéxica para a economía galega, que abrangue en Galicia máis de 200 empresas e preto de 25.000 empregos. Ao respecto, lembrou que o Goberno galego vén de anunciar un investimento de máis de 230 M€ para o sector entre 2024 e 2027, no marco do Plan director da automoción.

En concreto, apuntou que, desde o ano 2010, a Xunta leva apoiado a Stellantis Vigo cun investimento público de 93,2 M€ en axudas, fundamentalmente orientadas ao gran reto que ten por diante a industria da automoción que é a progresiva implantación da fábrica intelixente e a electrificación.

Rueda concluíu poñendo en valor o labor do persoal que traballa na factoría de Balaídos polo seu grao de capacitación e compromiso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/12/2024