A conselleira de Política Social e Igualdade participou hoxe no ‘Foro de Innovación Social’ celebrado en Vitoria-Gasteiz
Fabiola García sitúa a Galicia como referente en innovación pública no ámbito sociosanitario e aposta pola mellora constante na atención aos maiores
Participou nunha mesa redonda sobre a innovación pública en Áraba e Galicia na que se debateron e analizaron os retos e oportunidades do sector
Detallou o modelo de coidados posto en marcha pola Xunta, “realista e consensuado co sector”, e que ten como obxectivo “facer máis humanos e accesibles os centros residenciais”
Vitoria-Gasteiz (Áraba), 12 de decembro de 2024
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor a aposta do Goberno galego pola innovación tecnolóxica e mellora constante no sistema de atención ás persoas maiores, que ten permitido situar a Galicia como referente en innovación pública no ámbito sociosanitario. Así o destacou hoxe no Foro de Innovación Social celebrado esta mañá e no que participou nunha mesa redonda sobre a innovación pública en Áraba e Galicia.
Nesta xornada, que ten como obxectivo o debate e análise dos desafíos e oportunidades no ámbito sociosanitario, a conselleira estivo acompañada polo director de Innovación, Sistemas de Xestión e Avaliación da Deputación Foral de Áraba, Iñaki Artaza, e polo director da Fundación Idea, Rafael Sánchez-Ostiz.
Fabiola García fixo fincapé en que o Goberno galego ten deseñado un sistema sociosanitario innovador, que pon a tecnoloxía ao servizo das persoas maiores, busca mellorar a comunicación entre os ámbitos social e sanitario e reformar a concepción dos centros residenciais. Unha aposta que, segundo destacou, “ten situado a Galicia como unha referencia nacional e internacional no ámbito dos coidados”.
Na mesa redonda, a conselleira detallou o novo modelo de coidados posto en marcha pola Xunta, “realista e consensuado co sector”, e que ten como obxectivo “facer máis humanos e accesibles os centros residenciais”. A conselleira explicou que este modelo está centrado en 4 piares básicos: a innovación asistencial, o aproveitamento das vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías, a transformación arquitectónica dos centros e a humanización dos coidados.
Entre as medidas postas en marcha destacou, entre outras, a implantación en todos os centros residenciais da historia clínica electrónica, a creación dun certificado de calidade, a elaboración dun censo común estandarizado para todas as residencias ou o desenvolvemento dun plan de formación continuo para os profesionais dos centros. Así como a especial aposta pola modernización tecnolóxica dos centros residencias, coa dotación de monitores multiparamétricos, habitacións intelixentes e novos sistemas de rehabilitación virtual. Nesta liña de melloras na atención, Fabiola García lembrou que proximamente crearanse dous centros de coidados intermedios en Santiago de Compostela e en Mos, nos que se atenderá a persoas que xa recibiron a alta médica pero que seguen necesitando coidados especializados.