A Xunta destaca que Galicia ten unha gran vantaxe competitiva cos seus recursos naturais e aposta por un aproveitamento sustentable das explotacións mineiras

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, inaugurou a xornada A Pedra e a luz: punto de encontro da pedra natural

Subliña a importancia do sector mineiro na transición cara a unha economía dixitalizada e descarbonizada

Vigo, 12 de decembro de 2024

O director de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou hoxe que Galicia ten unha gran vantaxe competitiva cos seus recursos naturais e apostou por un aproveitamento sustentable das explotacións mineiras.

Fernández Vila, inaugurou a xornada A Pedra e a luz: punto de encontro da pedra natural organizada por StoneGal, onde salientou a importancia do sector mineiro na transición cara a unha economía dixitalizada e descarbonizada que requirirá materias primas e procesos de produción eficientes.

Durante a súa intervención, o director xeral sinalou que a Xunta aspira a converter este sector “estratéxico para Galicia” nun aliado para a modernización das principais cadeas de valor industrial, e, neste marco, lembrou que o Goberno galego está a traballar xa no primeiro Plan de desenvolvemento dos dereitos mineiros de Galicia.

Na mesma liña, Pablo Fernández Vila puxo en valor a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que fagan uso dos recursos naturais de Galicia aprobada no Parlamento de Galicia o pasado mes de outubro.

Segundo explicou, esta lei pretende garantir a riqueza social e económica para os territorios onde se implanten proxectos como poden ser os mineiros. Ademais, destacou que o texto vela por que as explotacións mineiras sigan asegurando a xeración de beneficios nos concellos: xerando emprego de calidade, fixando poboación, e promovendo unha extracción sustentable.

Finalmente, sinalou que Galicia é líder nacional na produción de lousa, granito, cuarzo e rocha ornamental e que se sitúa en segunda posición no subsector dos balnearios, e neste sentido, apuntou que, “somos lideres en pedra natural e temos materiais de recoñecido prestixio”.

O negocio da cadea de valor do sector da pedra natural en Galicia inclúe a case 400 empresas, xera uns 10.000 empregos entre directos e indirectos e unha cifra de negocio de preto de 1.000 millóns de euros.

Data de actualización: 12/12/2024