A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou estas cifras na clausura dunha xornada sectorial organizada por Unións Agrarias

A Xunta destaca que o lácteo galego se consolida como un sector atractivo para a mocidade

Os gandeiros galegos cunha idade igual ou menor de 45 anos, que representan o 33% do total, producen máis da metade do leite da comunidade -un 53%-, remarcou Gómez

A conselleira afirmou a puxanza do sector leiteiro galego, que concentra máis da metade dos gandeiros de toda España e de onde sae o 42% do leite que se consume a nivel nacional, “todo un orgullo para esta terra”, subliñou

Puxo de relevo o dinamismo e a capacidade de adaptación dos gandeiros galegos para conformar un “modelo” no que se mira o sector nacional e internacional e tamén un referente de robotización e tecnificación, mesturando modernidade e tradición

Valorou a calidade do produto galego e avogou porque os prezos do leite aseguren a viabilidade das explotacións e, en definitiva, do sector

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2024

O lácteo galego consolídase como un sector atractivo para a mocidade, que está á fronte das explotacións máis competitivas e rendibles. De feito, os gandeiros galegos cunha idade igual ou menor de 45 anos, que representan o 33% do total, producen máis da metade do leite da comunidade autónoma (un 53%). O dato é aínda máis relevante na provincia da Coruña, xa que este rango de idade, que supón o 34% dos gandeiros a nivel provincial, xestiona granxas que producen o 56% do total do leite neste territorio. No resto das provincias produtoras (Lugo e Pontevedra) as porcentaxes son moi semellantes, situándose os gandeiros nesta franxa de idade entre o 30% e o 33% do número total e producindo por riba do 50% do leite.

Así o destacou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na clausura dunha xornada sectorial organizada por Unións Agrarias, na que estivo acompañada polo secretario xeral desta organización, Roberto García. Nesta liña, Gómez subliñou a puxanza do sector leiteiro galego, que representa unha parte moi importante do PIB da comunidade e que concentra máis da metade dos gandeiros de toda España. Ademais, salientou que de Galicia sae o 42% do leite que se consume a nivel nacional, “todo un orgullo para esta terra”, remarcou.

Neste acto, a titular de Medio Rural indicou, así mesmo, que nos últimos anos este eido produtivo vén adaptándose ás novas tecnoloxías, ás sensibilidades ambientais e ás esixencias dos diferentes mercados. Neste mesmo sentido, engadiu que o lácteo galego é “un modelo” no que se mira o sector nacional e internacional e tamén un referente de robotización e tecnificación. Algo que demostra -trasladou- que os gandeiros galegos souberon ver onde está o futuro, que pasa por “mesturar modernidade e tradición sen perder a esencia do que sodes: sinónimo de calidade”.

Calidade valorada polos consumidores

Sobre a calidade, incidiu en que os consumidores identifican o leite galego “con garantía e fiabilidade”, grazas ao traballo dos gandeiros e ao labor de promoción que realiza a Xunta, e reiterou o compromiso do Goberno galego con este eido sinalando que “imos facer todo o que estea nas nosas mans para que vos vexades recompensados polo esforzo realizado”. Por iso, reafirmou, unha das prioridades da Consellería do Medio Rural é lograr un prezo xusto para o leite producido na nosa comunidade. Advertiu que “temos un produto de excelente calidade que debe ter un prezo final de venda que asegure a viabilidade das explotacións e, en definitiva, do sector”.

Neste sentido, avogou de novo porque os prezos xeren beneficios, ademais de cubrir os custos de produción, e comprometeuse a insistir á industria e á distribución para que lle dean a este produto “o valor que merece”. Trátase, engadiu, de procurar a viabilidade das explotacións, así como a súa continuidade e por iso a Xunta traballa a prol do fomento da remuda xeracional cunhas medidas que “están funcionando”, porque as granxas con maior produción están en mans de persoas mozas.

De feito, as explotacións galegas situadas no tramo máis alto de produción (por riba dos 700.000 litros anuais) están maioritariamente dirixidas por gandeiros de menos de 50 anos, nunha porcentaxe próxima ao 68% do total. Asemade, case o 11% dos titulares destas explotacións teñen entre 20 e 30 anos de idade. Pola contra, nas explotacións máis pequenas (cunha produción de menos de 100.000 litros anuais) a idade media dos titulares é sensiblemente maior, situándose case o 38% deles na franxa de entre 60 e 70 anos.

Nesta intervención, a conselleira puxo ademais de relevo a “sintonía” coas organizacións profesionais agrarias e cos axentes do sector en xeral a prol desta actividade e cualificou como “fundamental” que as decisións se tomen en base ao diálogo. Mencionou como exemplo concreto a sanidade animal e máis especificamente a loita fronte a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica. A este respecto, puxo en valor que a Xunta foi pioneira en habilitar axudas por animais falecidos a principios de ano e agora que remata o 2024 “estamos en disposición de tramitar as indemnizacións”, unha liña na que se seguirá traballando no futuro, aseverou.

A maiores, a conselleira fixo fincapé no compromiso da Xunta a prol da formación para ter “os mellores profesionais” e da transferencia de I+D+i para mellorar a calidade dos produtos e “para estar á vangarda”, así como para articular un territorio que favoreza o desenvolvemento do sector. Como conclusión, Gómez situou o vacún de leite como esencial para conseguir un rural “moderno, sustentable e rendible”. Rematou a súa intervención afirmando que “tedes un gran futuro e nós estaremos traballando ao voso carón para que así sexa”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/12/2024