O director de Augas de Galicia, Roi Fernández, supervisou esta mañá os traballos que se están a acometer desde o pasado luns no Camiño da Ponte Grande
A Xunta realiza labores de mantemento e conservación nun tramo con risco potencial de inundación do río Belelle, en Neda
As tarefas inclúen a retirada de sedimentos retidos na presa para mellorar a capacidade hidráulica deste treito e outros preparativos que permitirán demoler o dique en febreiro
Neda (A Coruña), 13 de decembro de 2024
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático comezou a executar esta semana actuacións de conservación e mantemento nun tramo da Área con risco potencial significativo de inundación (Arpsi) do río Belelle, ao seu paso polo concello de Neda.
O director de Augas de Galicia, Roi Fernández, supervisou esta mañá sobre o terreo o avance dos traballos, que están focalizados nun treito de case 200 metros, no lugar Camiño da Ponte Grande.
Tal e como explicou o responsable do organismo hidráulico, as tarefas consisten na retirada dos sedimentos acumulados e retidos na presa existente neste punto, unha actuación coa que se pretende mellorar a capacidade hidráulica da canle fluvial. Ademais, tamén se acometerán outros traballos preparativos nos muros de contención e se procederá á retirada puntual de árbores da canle.
Unha vez finalizada esta primeira fase da intervención, tal e como explicou o director do organismo hidráulico, os técnicos estarán en disposición de abordar no mes de febreiro a demolición da presa xa mencionada e con ela, minimizar o risco de inundación.
Neste sentido, lembrou ademais que as modificacións normativas introducidas a través da Lei de medidas fiscais e administrativas dos orzamentos da Xunta para o ano 2025 permitirán axilizar a tramitación das autorizacións relativas a obras en tramos fluviais que teñan como finalidade principal previr posibles episodios de asolagamento.
A solución proposta neste caso é o resultado da análise técnica e exhaustiva realizada por Augas de Galicia na área inundable do río Belelle, no marco da cal se avaliaron diferentes modelos de actuación. Neste sentido, Roi Fernández salientou a colaboración recibida por parte da agrupación veciñal da zona, que facilitou aos técnicos da Xunta a información e os contactos necesarios para localizar aos interesados e ter acceso aos principais lugares de traballo.
Cómpre subliñar que Augas de Galicia desenvolve este tipo de accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico da bacía de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección.
O obxectivo final é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal. Só este ano Augas de Galicia interveu en preto de 500 quilómetros de ríos no marco deste programa e de cara ao 2025 ten reservado un orzamento de máis de 2,7 millóns de euros para realizar labores de mantemento e conservación noutros 550 quilómetros fluviais da conca Galicia-Costa.