A Xunta enxalza as actividades educativas que promoven e fomentan as relacións interpersoais entre maiores e cativos

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou nas actividades interxeracionais que se desenvolven na residencia  pública Volta do Castro

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2024

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou nas actividades que desenvolven alumnos do Centro Divino Maestro cos maiores da residencia Volta do Castro da Xunta de Galicia. Durante o encontro, destacou a importancia destas iniciativas para fomentar as relacións interpersoais entre as persoas da terceira idade e os máis novos.

Antón Acevedo destacou que estas iniciativas son claves no día a día dos maiores, xa que contribúen a traballar a memoria e promoven un envellecemento activo e saudable. Así mesmo, sinalou que as visitas dos cativos teñen un efecto moi positivo nos usuarios dos centros porque lles permite interactuar con eles e realizar actividades de ocio diferentes.

Nesta liña, o director xeral tamén fixo fincapé na importancia que estas iniciativas teñen nos máis novos, permitíndolle falar e socializar cos maiores. Deste xeito, promóvese un espazo aberto onde os nenos e nenas tamén poidan aprender dos maiores novos coñecementos e valores como a escoita, ao tempo que asentan as bases para crear boas relacións interpersoais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/12/2024