A Xunta incorpora ao Catálogo de árbores senlleiras tres exemplares nos concellos da Mezquita, Mondariz e Pontevedra e cinco formacións en Vilagarcía de Arousa

Con estas últimas incorporacións, o catálogo suma xa 202 elementos pertencentes a 84 especies diferentes, repartidas por toda a xeografía galega

Nas próximas semanas está previsto que se publiquen no Diario Oficial de Galicia as convocatorias para 2025 de dúas liñas de axudas para facilitar a conservación destes elementos, dirixidas aos propietarios, cun orzamento total de 90.000 euros

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se incorporan ao Catálogo galego de árbores senlleiras oito novos elementos: un exemplar de cerquiño (Quercus pyrenaica Wild) situado na localidade de Santigoso, no concello da Mezquita (Ourense); unha araucaria (Araucaria angustifolia) localizada no pazo de Lourizán (Pontevedra); un alcanforeiro (Cinnamomum camphora) no castelo de Sobroso de Mondariz e outras cinco formacións arbóreas, todas elas no pazo de Rubiáns, no concello de Vilargacía de Arousa.

En concreto, nesta localización inclúense: un conxunto de criptomerias elegantes (Cryptomeria japonica), unha formación de calocedros (Calocedrus decurrens), outra de camelias (Camellia japonica), outra de magnolios (Magnolia grandiflora) e, por último, unha formación de criptomerias xaponesas (Cryptomeria japonica).

Con estas novas incorporacións o catálogo rexistra xa 202 elementos: 155 árbores e 47 formacións de 84 especies diferentes repartidas por toda a xeografía galega. Neste rexistro público inclúense todas aquelas árbores e formacións salientables que merecen dunha conservación e atención específica, de acordo coas súas excepcionais características de porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecentes dunha especial protección.

Cerquiño de Santigoso, na Mezquita

Este cerquiño situado na localidade de Santigoso, no concello da Mezquita, chama especialmente a atención pola súa extraordinaria altura de 26 metros e conta cun perímetro de 5,05 metros.

O tronco medra vertical, sen ramificarse ata 6,80 metros de altura, onde se forma a cruz, nacendo nela varias ramas de grandes dimensións que forman unha maxestuosa e ampla copa de ao redor do 30 m de diámetro. Con este xa serían 3 os cerquiños incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras.

Araucaria do Pazo de Lourizán, no concello de Pontevedra

No parque das Rías do pazo de Lourizán atópase esta araucaria de grandes dimensións (ronda os 35 metros de altura e un perímetro de 3,19 metros). A copa, debido á competencia con outros exemplares, ten unha forma irregular, cunha proxección aproximada de 140 m2 sobre o chan, e estímase que uns 130 anos.

Este exemplar de Araucaria angustifolia ten un grande interese ornamental e estético, dada a peculiar forma do seu tronco coma unha pata de elefante, pero tamén histórico pola vinculación con este lugar, e botánico, posto que foi un dos primeiros exemplares desta especie que chegaron ás nosas latitudes.

Este novo exemplar súmase ás sete árbores e unha formación senlleiras xa incluídas no catálogo presentes no xardín deste Pazo.

Alcanforeiro do castelo de Sobroso, no concello de Mondariz

O alcanforeiro do castelo de Sobroso, no lugar de Vilasobroso (Mondariz), ten un tronco de grandes dimensións e aséntase sobre un promontorio basal formado polos cordóns radicais, que se atopan parcialmente descubertos. Comeza a ramificarse a case dous metros de altura, en grandes ramas que se distribúen radialmente ao redor do tronco, formando unha cruz moi ampla que dá lugar a unha copa globosa e de gran volumetría.

Con esta nova inclusión, no ámbito do concello de Mondariz contaríase con dous elementos incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras.

Formacións do pazo de Rubiáns, VIlagarcía de Arousa

Os xardíns do pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, datan de finais do século XVII, cando comeza o axardinamento da zona máis próxima ao pazo e da área coñecida como estanque das ras. Posteriormente, lévase a cabo un importante incremento das áreas axardinadas, coa introdución de moitos exemplares arbóreos, entre eles algúns que actualmente forman parte do Catálogo galego de árbores senlleiras.

Coa incorporación ao catálogo de cinco novas formacións publicada hoxe no DOG, o pazo de Rubiáns acollería un total de oito elementos senlleiros.

En concreto, trátase dunha formación de criptomerias elegantes composta por 10 exemplares de grandes dimensións cuxa plantación se corresponde coa execución de axardinamento realizado a finais do século XVIII.

No caso dos calocedros, o conxunto reúne 14 exemplares de grandes dimensións e copas equilibradas. As bases dos troncos están provistas de grosos contrafortes que non desfiguran o seu contorno circular. Os troncos forman a cruz a máis de cinco metros de altura, ramificándose en potentes brazos, algúns dos cales comezan o seu crecemento horizontalmente, paralelo ao chan, erguéndose despois para configurar a característica arquitectura da copa en forma de candelabro.

No que respecta á formación de camelias, trátanse de 10 exemplares que posiblemente sexan as primeiras árbores desta especie plantadas en Vilagarcía de Arousa, regalo do duque de Camiña de Portugal ao señor de Rubiáns, que as plantou a principios do S. XIX.

Por último, a formación de magnolios está conformada por dous exemplares únicos, que destacan pola súas dimensións (30 m de altura) e a súa plantación data do século XVIII, e a última incorporación ao catálogo do Pazo de Rubiáns está integrada por catro criptomerias xaponesas de 35 m de altura, plantadas a finais do XVIII e con tronco recto de gran anchura.

Axudas para a súa conservación

De cara á protección deste tipo de elementos naturais, a Xunta de Galicia pon á disposición dos seus propietarios desde hai anos dúas liñas de axudas para contribuír á súa conservación, que está previsto que se publiquen no DOG nas próximas semanas.

En concreto, no vindeiro ano 2025 resérvanse 30.000 euros para concellos ou agrupacións locais titulares dalgún destes elementos senlleiros e outros 60.000 euros para propietarios particulares.

O importe das axudas poderá cubrir ata o 100% dos gastos subvencionables —entre os que se inclúen traballos de poda e control da copa, tratamentos fitosanitarios, retirada de elementos prexudiciais ou accións de divulgación e sinalización— cun límite de 8.000 euros no caso das formacións e de 4.500 euros cando se trate dunha soa árbore.

 

PROVINCIA

ÁRBORES

FORMACIÓNS

TOTAL

A Coruña

43

14

57

Lugo

35

7

42

Ourense

22

6

28

Pontevedra

55

20

75

Galicia

155

47

202

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/12/2024