Belén do Campo destaca o investimento da Xunta preto de 300.000€ na mellora de infraestruturas e servizos públicos en Camariñas
A delegada da Xunta avaliou coa alcaldesa esas aportacións que servirán tanto para a mellora de camiños de acceso a parcelas agrícolas como para a posta en marcha dunha brigada ambiental e para adquisición dun furgón e un rodete
Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte reciben, este ano, axudas do Plan Marco 15 concellos por un importe de máis de 1M€ e do Fondo de Compensación Ambiental non Competitivo 10 municipios por un importe de máis de 535.000 euros
Camariñas ( A Coruña), 16 de decembro de 2024
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe o concello de Camariñas e salientou alí o investimento de 157.000 euros para varias intervencións ao amparo do Plan Marco de Mellora de camiños rurais de acceso a parcelas agrícolas e tamén do Fondo de Compensación Ambiental non Competitivo
En concreto, no marco desta convocatoria 24-25 do Plan Marco, están previstas dúas actuacións grazas a unha axuda de máis de 47.000 euros, para a mellora do camiño rural Brañas de Tasaraño en Xaviña e para un segundo proxecto para a renovación do viario de acceso a parcelas agrícolas en Estivadas tamén en Xaviña Uns investimentos que se une ao realizado o ano pasado de máis de case 47.000 euros que permitiu a pavimentación noutro tramo de Brañas de Tasaraño. A delegada da Xunta informou que na comarca da Bergantiños-Costa da Morte recibirán, este ano, estas axudas 15 concellos por un importe total de máis de 1 millón de euros.
Estas axudas promoven a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas co fin último de aumentar a competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias, o que redunda nunha maior axilidade das operacións agrarias e nunha redución de custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado.
En relación ao Plan Marco, dotado en Galicia con case 19,5 millóns de euros para 2024 e 2025, o que supón o orzamento máis alto dende 2017. Durante o período 2016-2024 contou cunha dotación orzamentaria de máis de 130 millóns de euros, permitindo a mellora de máis de 5.450 camiños e máis de 4.280 quilómetros de vías rurais e a provincia da Coruña foi a que máis importe económico recibiu desta iniciativa na etapa mencionada, superando os 40 millóns de euros, e polo tanto, na que máis actuacións se produciron.
A delegada engadiu que a través de iniciativas coma esta, “a Xunta mantén o compromiso coa promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego”. O Plan Marco ten unha traxectoria que se remonta a 2013.
En cada convocatoria do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas repártense entre os 313 concellos os fondos dispoñibles e corresponde a cada un deles a elección dos camiños sobre os que se considera preciso actuar, así como o proxecto de obra de ampliación, mellora ou mantemento. Ademais, estes están obrigados a contratar un servizo externo de control de calidade das obras executadas.
A delegada tamén supervisou, na visita, os novos aseos accesibles instalados no entorno da igrexa de Xaviña, grazas a un apoio da Xunta de máis de 44.000 euros para actuacións de embelecemento do litoral, que tamén permitiu instalar outros aseos públicos na praia de Lingunde e na praia de Camelle.
Fondo compensación ambiental non competitivo
A representante do Goberno autonómico supervisou tamén o funcionamento do Servizo de Protección Ambiental e o novo furgón para tarefas de melloras medioambientais e un rodete, para mellora de camiños e sendeiros, adquirido grazas ao apoio do Goberno galego dentro da orde de axudas do Fondo Compensación Ambiental liña non competitiva de case 60.000 euros. A brigada contratouse para levar a cabo a limpeza de cunetas e maleza do camiño e para o mantemento das rutas de sendeirismo.
Este investimento únese, ao aprobado o ano pasado, de máis de 88.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental da liña non competitiva de máis de 59.000 euros para o mantemento da servizo de protección ambiental e para a adquisición de equipamentos e para a compra de contedores e outros 29.000 euros para a adquisición dun cadro eléctrico e cadro de bombeo a través da orde de axudas do Fondo de Compensación Local Adicional.
Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte recibiron estes apoios, ademáis de Camariñas, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Dumbría, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas por un importe total de máis de 535.000 euros.
A delegada da Xunta lembrou que este ano o Fondo de Compensación Ambiental suma na súa liña non competitiva un investimento de case 6 millóns de euros para apoiar accións en 109 concellos con parques eólicos no seu territorio. A nivel provincial a Xunta apoiou a 34 concellos por un importe que supera os 1,3 millóns de euros.
Segundo sinalou Belén do Campo, a través deste fondo, fináncianse servizos municipais dedicados á protección do medio e medidas destinadas a evitar a degradación ambiental, actuacións de eficiencia enerxética e enerxías renovables, a compra de vehículos con distintivo ambiental, a utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais
A delegada da Xunta incidiu na importancia da colaboración entre o Goberno galego cos concellos, que no caso de Camariñas tradúcese nun investimento de preto de 300.000 euros, para levar a cabo actuacións que redunden no benestar da veciñanza. Nesta liña, Belén do Campo sinalou que estas axudas son fundamentais sobre todo nos municipios máis pequenos para que poidan levar a cabo iniciativas que en solitario resultaríalles máis complicado ou non serían posibles.