O conselleiro do Mar inaugura a xornada 'As estratexias de desenvolvemento local participativo promotoras da Economía Azul'

Alfonso Villares sitúa aos GALP como elementos determinantes no fomento da economía azul

Considera que estes entes son claves para axudar a impulsar proxectos innovadores na busca do equilibrio entre o capital e o uso dos recursos mariños de cada zona

A Xunta aprobou recentemente a Estratexia de Economía Azul de Galicia que sitúa os sectores da pesca, a transformación, o sistema portuario ou o turismo costeiro como motores fundamentais de crecemento económico e da xeración de emprego

Dada a forte vinculación dos oito Galps co litoral galego, pois representan a máis de 13.000 profesionais do mar, a Consellería destina o vindeiro ano ao seu desenvolvemento máis de 20 millóns de euros

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou a importancia dos Grupos de Acción Local (GALP) como elementos para fomentar unha economía azul nas zonas costeiras no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa). O responsable autonómico, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, puxo en valor a funcionalidade destes entes de cara a axudar a impulsar proxectos innovadores na busca do equilibrio entre o capital e os recursos dunha zona e os intereses colectivos que representan, co fin de establecer decisións coordinadas respecto do uso dos recursos mariños.

Por este motivo, a Consellería que dirixe Villares organizou a xornada As estratexias de desenvolvemento local participativo promotoras da Economía Azul. Trátase, segundo remarcou o titular de Mar, dun foro no que poñer en común o traballo que se está a realizar neste senso e que permitiu materializalo en proxectos moi vinculados ao territorio. Un espazo, en definitiva, para coñecer proxectos transformadores que impulsan a sostibilidade e o desenvolvemento local, e que dá visibilidade e identifica novas oportunidades nos diferentes sectores que permitan conxugar a sustentabilidade marítimo-pesqueira e o crecemento económico.

Este encontro enmárcase na Estratexia da Economía Azul de Galicia aprobada pola Xunta como elemento imprescindible para a súa planificación, dadas as condicións xeográficas e a importancia histórica, económica e sociocultural do litoral galego. Un documento que reflexa a importancia dos sectores como a pesca, a transformación, o sistema portuario ou o turismo costeiro como motores fundamentais de crecemento económico. E que mostra como a comunidade está moi ben situada para liderar áreas innovadoras, o que pode diversificar a súa economía e xerar novas oportunidades de emprego.

Deste xeito, a EAG permitirá impulsar novas oportunidades económicas e colaborativas ao tempo que axuda a protexer os ecosistemas mariños, garantindo recursos para as xeracións futuras, sobre tres obxectivos principais: integrar as actividades que a conforman mediante conectores de innovación, situar os sectores emerxentes como referentes internacionais e garantir a sostibilidade e a circularidade da pesca, o marisqueo e a acuicultura, como actividades núcleo.

Máis de 20M€ en 2025

Os oito Galps engloban a máis de 400 organizacións locais en representación dos sectores económicos, sociais e públicos. Destas, preto dun cento pertencen ao sector pesqueiro representando a máis de 13.000 profesionais do mar. Precisamente, e dada a súa vinculación co territorio, nos Orzamentos de 2025 a Consellería realiza unha clara aposta polo seu impulso e contempla unha partida de máis de 20 millóns de euros para o desenvolvemento destes entes.

Desenvolvemento da xornada

O foro incluíu unha mesa redonda sobre o papel dos Grupos de Acción Local como motores da economía azul, coa participación dos xerentes dos GALP Mariña-Ortegal, Golfo Ártabro-Norte, Costa da Morte e Costa Sostible. Tamén se presentaron distintos proxectos inspiradores. Foi o caso de Mobiliario de formigón reciclado producido con cáscara de mexillón, do Golfo Ártabro Sur; Bitácora. Medidas para a posta en valor do patrimonio pesqueiro e fortalecemento da identidade da Ría de Arousa, do Grupo desta zona de pontevedresa; e Equipamento para o acondicionamento dos bancos de marisqueo e mellora da biodiversidade, do GALP Ría de Pontevedra.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 17/12/2024