A Xunta renova o obradoiro dual de emprego ‘Reinicia XI’ cun investimento de preto de 412.000 euros
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asistiu esta mañá en Ares no acto inaugural desta acción formativa na que participan unha vintena de persoas en situación de desemprego
O obradoiro impartirase nas especialidades de carpintería e moble e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais
Ares (A Coruña), 18 de decembro de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada dos alcaldes de Fene, Juventino Trigo, e Ares, Julio Iglesias, e representantes municipais de Mugardos, inaugurou esta mañá no edificio da Alianza Aresana, o obradoiro Reinicia XI que promoven de maneira conxunta os tres concellos cun orzamento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de preto de 412.000 euros.
Un total de 20 persoas en situación de desemprego participan neste itinerario formativo a través do que o Goberno galego garante a formación dos participantes nas modalidades de carpintería e moble e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
Os alumnos completarán a súa formación teórica con diferentes actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local a desenvolver nos municipios participantes, como a realización de mobiliario de oficina para as dependencias do Concello de Fene; mobiliario urbano para Mugardos ou a construción de ventás para o mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, de Ares entre outros.
A delegada territorial destacou a valía deste tipo de formación “polo seu carácter social e pola súa contribución a mellorar as oportunidades de empregabilidade dos participantes”. Ademais puxo os obradoiros duais como exemplo da colaboración entre a Xunta e os Concellos en materia de emprego.
Este é un dos catro obradoiros que a Xunta financia este curso 2024-2025 en Ferrolterra cun investimento de 1,3 M€. Deles beneficiaranse 65 persoas en situación de desemprego, priorizando as que teñen dificultades de inserción como poden ser emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero ou as persoas con diversidade funcional.