A Xunta renova o seu apoio ao Campus do Nadal organizado polo Club de Baloncesto Sarria

O delegado territorial en Lugo, Javier Arias, participou na presentación da segunda edición desta actividade, que se desenvolverá do 26 ao 29 de decembro

Sarria (Lugo), 20 de decembro de 2024

A Xunta renova o seu apoio ao Campus do Nadal organizado polo Club de Baloncesto Sarria, que se celebra entre o 26 e o 29 de decembro.

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, participou hoxe na presentación da segunda edición desta iniciativa, dirixida a rapaces e rapazas nacidos entre os anos 2007 e 2017, xunto á presidenta e o director deportivo do CB Sarria, María Jesús Arias e Miguel Ángel Hoyo, respectivamente.

Máis de 70 nenos e nenas inscribíronse xa para participar neste campus, que ofrece dúas modalidades: unha interna con aloxamento e outra externa con asistencia durante o día pero sen durmir nas instalacións.

Os adestramentos contarán con persoal experto que lles axudará aos nenos e nenas a mellorar as súas habilidades na práctica do baloncesto. A programación complétase con outras actividades deportivas, lúdicas e recreativas para fomentar o traballo en equipo e a convivencia entre os participantes.

Arias felicitou ao club sarriao por “darlle continuidade a esta iniciativa que lles facilita ás familias a conciliación” e ao mesmo tempo ofrécelles aos cativos e cativas “unha excelente oportunidade de desfrutar do deporte e doutras actividades que fomentan a participación e a convivencia”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/12/2024