Alumnos do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude amplían coñecementos sobre métodos de produción
Estudantes do ciclo medio de Produción Agropecuaria visitaron as instalación da Cooperativa Horsal, da empresa Kiwi Atlántico e a Estación de Viticultura e Enoloxía, situada en Ribadumia
Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2024
Unha trintena de alumnos do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude, dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, realizaron unha visita a tres entidades pontevedresas para ampliar os seus coñecementos sobre diferentes métodos de produción. O programa educativo do ciclo inclúe este tipo de viaxes como método de formación para a aprendizaxe e o contacto directo con empresas do sector das actividades preferentes nas que poderán desenvolverse laboralmente no futuro.
Os estudantes de primeiro e segundo ano do ciclo medio de Formación Profesional de Produción Agropecuraria puideron coñecer primeiro as instalacións da Cooperativa Horsal, situada en Cambados, onde coñeceron de primeira man o traballo que se realiza nesta empresa dedicada á produción e comercialización de hortalizas. Tiveron a oportunidade de ver o labor que desenvolven dende o cultivo en invernadoiro ata o envasado final do produto obtido.
Posteriormente, trasladáronse a Ribadumia para visitar as instalacións de Kiwi Atlántico para coñecer o traballo desta empresa que conta con 35 anos de experiencia no sector de cultivo e comercialización de kiwi. Neste sentido, os estudantes descubriron as potencialidades e particularidades que Galicia segue a ter na produción deste rendible froito.
Por último, trasladáronse á Estación de Viticultura e Enoloxía, tamén en Ribadumia, e que depende da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, para participar nunha explicación sobre as medidas culturais máis novidosas que se poden aplicar ao cultivo de uva de vinificación. Ademais, tamén puideron visitar a adega do centro, na que traballa o persoal deste centro público.