A Xunta licitará en xaneiro as obras para a construción dos novos centros de saúde de Muíños e de Antas de Ulla, nos que investirá máis de 3 M€
O novo centro de saúde de Antas de Ulla permitirá case que triplicar o espazo actual e suporá un investimento superior aos 1,7 M€
En Muíños, o Goberno galego destinará 1,3 M€ ao novo centro sanitario situado nas proximidades da Casa do Concello
O prazo previsto para a execución das obras será de 18 meses en cada centro
Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2024
A Xunta licitará no mes de xaneiro as obras de construcións dos novos centros de saúde de Antas de Ulla, en Lugo, e de Muíños, en Ourense, cun investimento de máis de 1.750.000 euros e máis de 1.300.000 euros, respectivamente.
Co fin de optimizar o impulso destes dous equipamentos sanitarios, o Servizo Galego de Saúde licitará as obras destes dous equipamentos, logo de que a Axencia Galega de Infraestruturas se encargase da redacción dos proxectos.
No caso do centro de saúde de Antas de Ulla a súa superficie pasará dos 295 m2 do actual aos 850 m2 previstos no novo edificio. Grazas á ampliación, Antas de Ulla contará cun centro de saúde renovado en canto á distribución e instalacións e gañará espazo para unha consulta. Actualmente dispón de dúas consultas de medicina, dúas de enfermaría, unha sala polivalente, unha de toma de mostras e unha sala de xuntas e de persoal.
En Muíños, a Xunta ten previsto construír un centro de saúde novo de 339 m2 que substituirá ao actual, que comparte espazos con vivendas municipais e dispón de 170 m2 de uso sanitario. O investimento permitirá gañar unha consulta polivalente, que se sumará á actual e máis á consulta de medicina e á de enfermaría. Tamén se habilitará unha sala de xuntas ou un almacén. Este novo centro de saúde ourensán pasará a situarse ao lado do campo de fútbol, no núcleo de Mugueimes, e estará próximo á Casa do Concello, á residencia de maiores Virxe da Clamadoira ou á farmacia.
En ambos os dous casos a previsión é formalizar o contrato de obra no verán. O prazo de execución é de 18 meses.