A conselleira do Medio Rural pon en valor os traballos de investigación a prol da mellora da sanidade animal

A titular do departamento, María José Gómez, mantivo un encontro con Azucena Mora, doutora en Veterinaria e catedrática de Microbioloxía na Universidade de Santiago, recoñecida este ano co premio do Plan Nacional de Resistencia aos Antibióticos

O estudo contou tamén coa colaboración de investigadores do Campus Terra de Lugo, así como de entidades nacionais e internacionais, entre as que se atopa o Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia

A Consellería do Medio Rural aposta pola sanidade animal e no próximo ano destinará preto de 12 millóns de euros a programas de sanidade e produción animal e ás agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, mantivo un encontro con Azucena Mora, doutora en Veterinaria e catedrática de Microbioloxía na Universidade de Santiago de Compostela, que recentemente recibiu o premio 2024 do Plan Nacional de Resistencia aos Antibióticos  (PRAN) polo seu traballo “Monitorización integrada do fluxo de resistencias a antimicrobianos (RAM) e obxectivos de intervención: desde o medio ambiente, á granxa e á mesa”.

Neste sentido, a conselleira do Medio Rural puxo en valor a importancia que teñen traballos de investigación como o de Azucena Mora, á hora de mellorar a sanidade animal e repercutir positivamente nas explotacións gandeiras, potenciando así a súa rendibilidade. María José Gómez trasladou os seus parabéns á investigadora polo recoñecemento, concretamente na categoría á mellor iniciativa de investigación da resistencia aos antibióticos.

O estudo liderado por Azucena Mora, no que tamén participaron outros investigadores do Campus Terra de Lugo e persoal de entidades como o Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural, ou de centros de fóra da nosa comunidade e de España, centrouse en combater a resistencia aos antimicrobianos a través de estratexias innovadoras baseadas no concepto One Health.

Case 12 millóns de euros no 2025 para sanidade animal

En materia de sanidade animal, cómpre salientar que a Consellería do Medio Rural destinará no 2025 preto de 12 millóns de euros a programas de sanidade e produción animal e ás agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia.

En concreto, investiranse 9,5 millóns de euros ao longo do vindeiro ano en campañas de saneamento gandeiro e demais medidas sanitarias que benefician este sector gandeiro, e que desenvolve a Consellería do Medio Rural, co obxectivo de manter a boa cualificación sanitaria das explotacións gandeiras da nosa comunidade.

Por outra banda, destinaranse 2.280.000 euros ás axudas para as ADSG. A achega destes fondos servirá para financiar o traballo que realizan estas entidades para desenvolver os programas facultativos de prevención e control de enfermidades animais, así como na súa participación na rede galega de epidemiovixilancia de enfermidades animais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/12/2024