Turismo pon a disposición do persoal e usuarios da rede pública de albergues do Xacobeo unha guía de boas prácticas para facer o Camiño máis inclusivo e accesible

A iniciativa enmárcase no proxecto europeo ULTREIA-Sudoe no que colaboran a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e outras entidades de España, Francia e Portugal

A partir deste manual, editaranse outros específicos sobre distintos treitos do Camiño ao seu paso por Galicia e Castela e León, o país galo e tamén o luso

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2024

Turismo de Galicia, a través da  S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, vén de colaborar na edición dunha guía que leva por título ‘Boas Prácticas de Inclusividade para os xestores dos Camiños de Santiago’ dentro do proxecto europeo ULTREIA-Sudoe, no que participa xunto con outras entidades de España, Francia e Portugal. Este manual está a disposición do persoal da Rede Pública de Albergues do Xacobeo coa fin de que poida consultala e favorecer así a inclusividade e a accesibilidade do Camiño.

A Guía ten como finalidade ofrecer directrices claras e prácticas que axuden a xestores, administracións públicas e outros actores clave dos Camiños de Santiago a crear contornas máis inclusivas e accesibles para todos.

Na guía abórdanse, entre outros aspectos, a accesibilidade física, informativa e comunicativa, mediante o uso de ferramentas como a lectura fácil, pictogramas ou sistemas alternativos de comunicación, promovendo o deseño universal e o uso de criterios como os DALCO (Deambulación, Aprehensión, Localización, Comunicación) para garantir que todas as persoas poidan gozar da peregrinación en igualdade de condicións.

A meta desta colaboración entre os distintos socios do proxecto europeo ULTREIA-SUDOE, é trazar unha estratexia transnacional que poida ser compartida por todos os Camiños.

Reactivar o turismo rural

Turismo de Galicia, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, participa nesta iniciativa liderada pola Fundación Camiño Lebaniego e o seu principal reto é reactivar o turismo interior e o desenvolvemento rural tomando como eixo os Camiños a Santiago. Para logralo contan co apoio da Fundación Santa María a Real, así como doutras entidades españolas como a Asociación de Municipios do Camiño de Santiago Francés (AMCS) ou Amica, entidade que elaborou esta guía.

Precisamente, para a elaboración deste manual, AMICA realizou un estudo sobre accesibilidade e inclusión no Camiño Lebaniego, estudo que se estenderá a partir de agora a catro tramos do Camiño de Santiago en Galicia e Castela e León, así como outros dous treitos en Francia e Portugal.

Ligazón de descarga da Guía no apartado de recursos: https://interreg-sudoe.eu/proyecto-interreg/ultreia_sudoe/

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/12/2024