A Xunta realiza labores de conservación en varios ríos no concello de Mondoñedo que suman 8,5 km
As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante 10 semanas e inclúen a retirada de árbores caídas e biomasa das canles fluviais para evitar atoamentos
Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2025
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar hoxe actuacións de conservación e mantemento en varios tramos de río no concello de Mondoñedo que suman preto de 8,5 quilómetros.
As tarefas afectan a algo máis de catro quilómetros do río Valiñadares ao seu paso polas parroquias de Santiago de Mondoñedo, Nosa Señora dos Remedios e Nosa Señora do Carme. Tamén se actuará en 3,1 quilómetros do río Gontán nas parroquias de Nosa Señora dos Remedios e Santa María de Viloalle. Nesta última parroquia tamén se levarán a cabo medidas de conservación en preto de 900 metros do río Masma. A maiores, actuarase en algo máis de 300 metros nun río no lugar de Gontariz.
As actuacións consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente nas canles fluviais para evitar atoamentos así como en labores de roza puntual de arbustos no acceso ás canles.
Os traballos, que xa foron comunicados ao concello, prolongaranse durante aproximadamente 10 semanas e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoiras así como coa utilización dun tractor.
Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías da demarcación Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación.
O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.