A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade
A Xunta e o concello de Ribadavia avalían o proxecto para mellorar a rede de abastecemento e saneamento nas contornas da Groba, as Chabolas, o Seixo e Sanín
O orzamento necesario para levar a cabo esta actuación rolda os 810.000 euros, que será cofinanciado pola administración local e pola Xunta de Galicia así como por parte da Deputación de Ourense
Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Ribadavia, César Fernández, reuníronse recentemente para abordar asuntos relacionados coa mellora da rede de saneamento e abastecemento no municipio.
Deste xeito, durante o encontro avaliaron o proxecto municipal para estender a rede de abastecemento municipal e renovar o saneamento nas contornas da Groba, As Chabolas, O Seixo e Sanín. Nesa liña, a conselleira explicoulle ao alcalde que os técnicos de Augas de Galicia están a ultimar a revisión do proxecto.
O concello estima que o orzamento necesario para levar a cabo esta actuación rolda os 810.000 euros, que será cofinanciado pola administración local e pola Xunta de Galicia así como por parte da Deputación de Ourense.
A conselleira reiterou que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza.
De feito, o orzamento de Augas de Galicia sobe este ano 2025 preto dun 5%, ata os 144 M€, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.
O obxectivo principal será facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento así como no apoio aos concellos, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes para reducir os asolagamentos.