O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantén un encontro cos presidentes das Cámaras de Comercio de Galicia

A Xunta defende o apoio ás cámaras de comercio para impulsar a produtividade e a competitividade do tecido empresarial galego

José González explicou que esta reunión se enmarca na escoita activa cos principais axentes sociais e económicos e na colaboración público-privada para seguir desenvolvendo iniciativas a prol do crecemento de Galicia

Salientou o papel chave destas entidades e a importancia de telas en conta nas medidas da Administración autonómica 

O Executivo galego investiu no último ano máis de 320.000 € nos plans formativos das cámaras de comercio no eido comercial que beneficiaron a 900 persoas 

Puxo de relevo a figura dos autónomos e o apoio a este colectivo con accións como a orde única de máis de 40 M€ coas axudas específicas para este sector co fin de avanzar na simplificación administrativa e facilitar o seu labor 

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, defendeu hoxe a colaboración da Xunta coas cámaras de comercio galegas, baseada na escoita activa, para impulsar a produtividade e competitividade do tecido empresarial galego e xerar emprego de calidade vencellado ao territorio. Así o destacou no marco da xuntanza que hoxe mantén con esas entidades e na que tamén participa o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén. 

O conselleiro explicou que este encontro se enmarca no contacto permanente cos principais axentes sociais e económicos e na colaboración público-privada para seguir desenvolvendo iniciativas a prol do crecemento de Galicia. Nesta liña, salientou o papel clave das cámaras de comercio dentro do tecido empresarial e comercial, así como no asesoramento da actividade económica e de emprendemento, e a importancia deste tipo de encontros para ter en conta a realidade destas entidades nas medidas que desenvolve a Xunta. De feito, o fin da reunión é analizar posibles vías de colaboración para impulsar a súa competitividade.

Entre as accións de colaboración entre a Xunta e as cámaras de comercio, José González salientou o desenvolvemento de plans formativos no ámbito comercial, cuestión na que o Goberno galego investiu no último ano máis de 320.000 euros. Isto permitiu impartir formación no eido comercial a máis de 900 persoas sobre emprendemento, xestión e estratexia comercial e transformación dixital, así como sobre cuestións relacionadas con puntos de venda e sustentabilidade. 

Medidas a prol dos autónomos e do emprego de calidade 

En relación co papel das cámaras de comercio no apoio ao emprendemento no que os autónomos teñen un papel clave, o conselleiro lembrou a aposta do Executivo autonómico para facilitar o labor deste colectivo e puxo como exemplo a orde única de máis de 40 M€ coas axudas específicas para este sector co fin de avanzar na simplificación administrativa e facilitar o seu labor, que se analizou onte no Consello da Xunta e que publicará este venres o DOG. 

Dentro do apoio aos traballadores por conta propia tamén se encadran as axudas para a contratación de persoas desempregadas por parte deste colectivo. Outra medida no eido da contratación é o programa Galicia Emprega, que impulsará a contratación de 1.700 persoas de colectivos prioritarios. Ambas foron analizadas tamén onte no Consello. 

O obxectivo destas actuacións da Xunta de Galicia é tecer redes de colaboración e acompañar ao tecido produtivo para afrontar retos como a remuda xeracional, o absentismo ou a cobertura de vacantes laborais.

Por parte das cámaras de comercio participan nesta reunión a presidenta da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e presidenta do Consello Galego de Cámaras, María Pais; o presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro; o presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, José García; o de Tui, Antón Fonseca e o de Lugo, Jaime Luis López.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/01/2025