A Xunta publica hoxe no DOG a convocatoria para xaneiro e marzo dos actos expropiatorios para a restitución da vía LU-651 en Folgoso do Courel
Esta actuación conta cun investimento de 5,2 M€ e céntrase nas obras para a reposición definitiva da LU-651 afectada polo afundimento, que agora dispón dun acceso provisional executado cun procedemento de emerxencia pola Xunta
O acto para o levantamento de actas previas terán lugar o 29 de xaneiro de 2025 e a formalización das actas de ocupación o 26 de marzo no salón de actos do Concello
Os traballos, que se acometerán por fases, inclúen a estabilización da ladeira afectada e a construción dun novo desvío que permita levar a cabo as actuacións
Executarase unha variante do novo trazado a media ladeira, de 820 metros de lonxitude, coas mesmas prestacións que presentaba a estrada preexistente
Levaranse a cabo actuacións complementarias como a drenaxe, o sostemento de noiros, sistemas de auscultación ou traballos de restauración ambiental
O obxectivo da Xunta é licitar a execución da obra neste ano 2025
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, para este mes de xaneiro e o vindeiro mes de marzo, dos actos expropiatorios para as obras de restitución da estrada LU-651 en Folgoso do Courel.
Esta intervención suporá un investimento de 5,2 M€ e permitirá executar as obras necesarias para a reposición desta vía autonómica, entre os puntos quilométricos 17+650 e 18+470, no treito afectado polo afundimento de varias galerías dunha explotación mineira e o derrubamento posterior da ladeira.
O acto para o levantamento das actas previas á ocupación están convocados para o vindeiro día 29 de xaneiro, das 09,20 ás 13,40 horas, no salón de actos do Concello de Folgoso do Courel (Praza Manuel Fraga Iribarne s/n). A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o día 26 de marzo, no mesmo horario e no mesmo lugar.
O obxectivo da Xunta, tras terse aprobado o proxecto de trazado é licitar a execución da obra neste mesmo ano. O prazo de execución dos traballos é de 12 meses.
Cómpre lembrar que tras o afundimento, a Xunta executou unha actuación de emerxencia para habilitar un acceso provisional a Folgoso do Courel, en que investiu 1 M€, mentres avanzaba na definición da solución definitiva.
A actuación definitiva, que se executará por fases, inclúe un novo trazado que ocupará parte da zona derrubada, despois de estabilización da ladeira.
En concreto, o novo trazado realizarase a media ladeira, pois permite reconstruír a estrada co máximo coidado ambiental, evitando a afección á Rede Natura, e reducindo o movemento de terras e as alturas dos desmontes, o que implica maior seguridade viaria.
Deste xeito, para desenvolver esta intervención procederase á estabilización da ladeira afectada, mediante o recheo controlado dos ocos xerados e a retirada do material mobilizado.
Posteriormente, construirase un novo desvío provisional, que discorrerá en planta aproximadamente coincidente co antigo trazado da LU-651, para poder canalizar o tráfico mentres se executan as obras. Este desvío proxéctase porque para determinados traballos o acceso provisional quedará inutilizado, ao realizárense nel movementos de terras.
Finalmente, acometerase a construción da variante do novo trazado a media ladeira, de 820 metros de lonxitude, coas mesmas prestacións de que dispoñía a estrada existente.
Segundo o proxecto deseñado pola Axencia Galega de Infraestruturas, tamén se levarán a cabo actuacións complementarias como a drenaxe, o sostemento de noiros, sistemas de auscultación ou traballos de restauración ambiental.
Ademais, atendendo ás consideracións feitas respecto do trazado sometido a información pública, no proxecto construtivo definirase unha nova xeometría e ocupación do recheo de material sobrante do desprendemento e estabilización da ladeira, de xeito que o recheo se sitúa fóra do impacto sobre os restos mineiros inventariados, sen afección sobre eles, e servirá de zona de aparcadoiro para unha posible visita aos restos, tendo en conta a posibilidade de que estes sexan rehabilitados nun futuro.