Medio Rural destina 1,4 M€ para modernizar e mellorar a competitividade do sector apícola

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta orde de axudas que teñen como obxectivo contribuír á protección da biodiversidade e modernizar o sector a través do fomento e a posta en común do coñecemento, a innovación e a dixitalización

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a partir de mañá, día seguinte da publicación da orde no DOG

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria das axudas á apicultura para o ano 2025, dotadas cun orzamento de 1,4 millóns de euros. Estas achegas teñen como obxectivo contribuír á protección da biodiversidade e modernizar o sector a través do fomento e a posta en común do coñecemento, a innovación e a dixitalización ao mesmo que se afonda Na mellora da orientación ao mercado e a competitividade deste eido. Esta axuda está cofinanciada polo Feaga da UE ata un 50 %, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) ata un 25 % e a porcentaxe restante a Xunta de Galicia 

Poderán ser obxecto das axudas os servizos de asesoramento e asistencia técnica, formación; os investimentos destinados a loitar contra os invasores e as enfermidades das colmeas; os software e equipos para monitorización de colmeas; os equipos de envasado e etiquetaxe e a contratación de servizos de análise do mel, entre outros.

Serán tamén subvencionables os investimentos en promoción, comunicación e comercialización, incluídas as accións para sensibilizar aos consumidores sobre a calidade dos produtos apícolas. Os gastos e investimentos deberán realizarse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2024 e o 31 de xullo de 2025, período de duración dunha campaña apícola. 

Poderán optar a estas axudas aquelas persoas físicas ou xurídicas, ou entidades sen personalidade xurídica, que sexan titulares de explotacións apícolas e que desenvolvan a súa actividade con anterioridade ao 1 de xaneiro, así como agrupacións de apicultores. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a partir de mañá, día seguinte da publicación da orde no DOG. 

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250120/AnuncioG0426-121224-0009_gl.html

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/01/2025